publicidade hoxe

O Concello de Vigo programa sete rutas urbanas para coñecer a cidade sobre patíns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVigo
A-
A+

O alcalde, Abel Caballero, presentou este xoves con José Luis Rodríguez, da entidade colaboradora Vigo Extreme, unha nova proposta municipal para coñecer a cidade, desta volta sobre patíns. As distintas rutas previstas, adaptadas para patinadores adultos e infantís, terán lugar os domingos de maio e xuño.

O goberno de Vigo, xunto á entidade Vigo Extreme, organizan os domingos de maio e xuño rutas de patinaxe non competitivo por distintos puntos da cidade, co obxectivo de practicar un deporte saudable e coñecer Vigo.

Estas rutas urbanas de patinaxe forman parte dos programas municipais de deporte e saúde do Concello de Vigo, tal e como explicou Caballero, e amosan “a nosa decisión, coa colaboración imprescindible de Vigo Extreme, para facer unha nova actividade deportiva saudable” na cidade.

Algunhas destas marchas sobre patíns están indicadas para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos, mentres que as restantes son para patinadores adultos, cada unha con distintos niveis de dificultade. O uso de casco e proteccións para xeonllos e mans é obrigatorio.

Este domingo, 5 de maio, ás 11 horas iníciase esta iniciativa de nivel infantil cun percorrido de 2,2 quilómetros desde o carril bici de Bouzas ata o paseo dos peixes. O 12 e o 19 de maio serán as próximas datas para os máis pequenos, con traxectos por Samil e As Avenidas.

Para público adulto, o Concello dispón catro rutas máis, desde o 26 de maio ata o 30 de xuño, de distinta dificultade e lonxitudes que oscilan entre os 7 e os 18 quilómetros. A data dun dos percorridos está por determinar, unha senda museística que parte do MARCO con chegada ao Museo do Mar, pasando polo Liste, o Quiñones de León e o Verbum.

2 de maio de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.