O concello de Teo programa a obra de Roberto Vidal Bolaño “Criaturas” na Ramallosa este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo continúa coa lembranza ó autor homenaxeado nas Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño. Esta sábado 25 de maio prográmase a obra de teatro “Criaturas” no Centro Sociocultural da Ramallosa ás 21:00 horas dramatizada pola compañía Teatro do Aquí da que foi co fundador Vidal Bolaño.

Trátase dunha peza que ten como referencia o Frankenstein de Mary Shelley e busca “poñer ó descuberto o que a razón ou a civilización podían ter producido de monstruoso en nós ou nos que nos rodean” segundo se recolle na sinopse da propia obra. Unha peza de hai máis dunha década que presenta unha historia que non perdeu actualidade. Neste 2013 está dirixida por Evaristo Calvo e conta entre os intérpretes con parte do reparto que a estreou hai doce anos. Criaturas acadou o Premio Eixo Atlántico (1999); o Premio Max ó mellor texto orixinal en galego (2000) e o Premio María Casares ó mellor texto orixinal (2000).

Solidariedade

Por outra banda o domingo 26 celébrase no Centro Sociocultural da Ramallosa o VII Festival Solidario ANPA Río Tella. Trátase dunha cita anual consolidada organizada polos pais e nais do colexio e na que a recadación se destina á ONG Amigos de Orissa coa que teñen apadriñada unha escola na India e á asociación do Concello de Teo Aspamite. O festival comeza ás 17:00 horas e o custe da entrada é de dous euros. Pódese mercar de xeito anticipado na Librería Trasno de Cacheiras e na Librería d´Ana na Ramallosa.

Durante a tarde poderanse ver actuacións do alumnado da Ramallosa das actividades extraescolares. Haberá ballet, ximnasia rítmica, ximnasia artística, inglés, funky, circo e proxección de traballos manuais, xadrez, piscina e judo.

24 de maio de 2013 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.