O Concello de Teo organiza unha ruta para ver os petróglifos de Cornide
O Concello de Teo organiza unha ruta para desfrutar dos petróglifos de Cornide e Mouromorto, lugares da parroquia de Calo, o vindeiro domingo 19 de maio. O paseo será pola mañá, a partir das 11:30 hroas e non é preciso anotarse. As persoas interesadas en camiñar poden achegarse á carballeira de Cornide á hora da saída.
Trátase dun percorrido que durará en torno a dúas horas cunha dificultade baixa. Dese xeito será un paseo adecuado para todas as idades. Sairase da carballeira de Cornide e visitaranse os petróglifos situados entre esa aldea e Seixos ademais dos de Mouromorto. É unha ruta na que ademais se poderá apreciar a paisaxe natural e arquitectónica da zona, dunha gran riqueza.
Esta actividade coordínase dende a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal, dirixida por Ignacio Iglesias. Conta coa colaboración económica da Deputación da Coruña.