O Concello de Teo lembra a figura de Vidal Bolaño cunha velada musical e literaria
O Concello de Teo celebra o día das Letras Galegas cunha velada literaria e musical na que a obra de Roberto Vidal Bolaño, autor ó que se adica este ano o 17 de maio, servirá de fío conductor. O acto será mañá venres 17 de maio. ás 18:00 horas no CSC da Ramallosa.
Nesta actividade o departamento de Cultura, dirixido por Carme Hermida, conseguiu implicar a unha ampla representación das asociacións culturais do Concello. A velada contará tamén coa presenza dos grupos políticos da corporación municipal. Un representante de cada formación lerá parte do texto “Reflexións sobre o teatro” de Vidal Bolaño.
O acto comezará cunha escena da obra “Agasallos de sombras”, do autor homenaxeado, interpretada polos participantes no Obradoiro Municipal de Teatro de adultos e o grupo de gaitas da A.C. A Mámoa, de Luou. A continuación o obradoiro de guitarra municipal interpretará “All you need is love”. As pandereteiras da A.C. Rosalía de Castro e as da A. Cultural A Pontevella interpretarán unha escolma de coplas. A coral polifónica da S.R. San Xoán de Calo cantará “Follas Verdes”. Pola súa banda a A.C. A Rexionalista e a A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras tocarán e bailarán música de entroido. As pezas escollidas aparecen nas obras de Roberto Vidal Bolaño.
O acto pecharase coa interpretación da obertura da Sinfonía 1812 de Chaikosqui que aparece na obra “Mar revolto” e que será interpretada pola Banda Cultural de Teo.
A lembranza a Vidal Bolaño en Teo continuará o sábado 25 cando a compañía Teatro do aquí presente a obra do autor “Criaturas”. Será no CSC da Ramallosa ás 21:00 horas.
Dende o Concello anímase ás persoas asistentes aos actos municipais a colaborar co Banco Veciñal de Alimentos con algunha achega (alimentos non perecedeiros), na medida das súas posibilidades.