publicidade hoxe

O Concello de Teo comeza a campaña de desbroce das gabias que rematará en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo vén de comezar a campaña de desbroces nas gabias das estradas municipais asfaltadas. Segundo explica o concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, “trátase dun traballo moi considerable xa que se contabilizan 800 quilómetros de pistas municipais no termo municipal”. Esta campaña anual comeza en maio e está previsto que remate a primeiros de outubro.

A campaña de desbroce realízase principalmente con medios propios, dous tractores municipais con desbrozadora de brazo cada un deles. Os dous tractoristas municipais limparán as gabias de practicamente todo o Concello, agás a parroquia de Calo, que tradicionalmente se externaliza. “Trátase dunha parroquia das grandes, con vías con bastante dificultade e o volume do traballo nun período de tempo moi concreto impide poder acometer todo con medios propios” explica o edil.

Xurxo Francos explica ademais cal será o calendario de traballo dos dous tractoristas. En principio fanse os traballos de limpeza nos días previos ás principais celebracións en cada parroquia. Isto realízao de xeito continuo un dos tractores. Namentres o segundo vehículo realiza traballos de apoio na mesma zona ou atende outros lugares nos que é imprescindible adiantar o desbroce pola demanda veciñal ou pola perigosidade da zona. Precisamente nestes momentos un dos operarios traballa na zona de Cacheiras, nas aldeas do entorno do Raxó, xa que nos próximos días se celebra a romaría das Cabezas, e o segundo traballa na vía entre Reis e Valiñas.

Dende a Concellaría de Servizos Básicos tamén se quere explicar o motivo de acoutar esta limpeza de maleza nas vías durante estes meses de calor. “No verán e no inverno estáncase o crecemento da herba polas condicións meteorolóxicas polo que é o momento ideal para desbrozar e que se manteña a gabia despexada” explica Xurxo Francos. Noutros momentos como a primavera ou nos momentos de choiva desaconséllase facer estes traballos. Cando hai auga esta provoca o arrastre da maleza, o que ocasiona atascos nas gabias. E na primavera, coa humidade, os restos do desbroce xeran nitróxeno, que actúa como fertilizante, e provoca un maior crecemento da herba.

Durante o inverno os tractores municipais realizan outros traballos de mantemento que se centran en desbrozar as gabias das pistas de monte, no último inverno ó redor de 100 quilómetros e en abrir cunetas atascadas en pistas asfaltadas. Nos últimos meses limpáronse case 17.000 metros lineais. Máis de 10.000 fixéronse con medios propios e algo máis de 6.000 con equipos externos.

Dende o Concello tamén se quere demandar das administracións supramunicipais con vías propias en Teo, Deputación e Xunta de Galicia, que realicen estes traballos de mantemento con planificación e nun prazo razoable. A falta de limpeza nas vías pode provocar en ocasións situacións de perigo.

10 de maio de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.