O Concello de Teo abre o prazo para presentar as solicitudes de cacharelas o 1 de xuño
O Concello informa que dende o 1 de xuño pódense entregar as solicitudes para realizar cacharelas de San Xoán. Os impresos xa se poden descargar da web municipal ou recoller nas oficinas municipais. As persoas que teñan previsto realizar unha fogueira na fin de semana do 23 de xuño deben entregar o impreso no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas ou os sábados de 09:00 a 13:00 horas.
Teo é un Concello no que existe unha gran tradición de cacharelas colectivas, de asociacións, sendo unha das máis destacadas a de San Xoán de Calo que coincide coas súas festas patronais pero tamén no ámbito privado. Deste xeito é importante ter unha previsión que permita tamén coordinar o operativo especial que realiza anualmente nesas datas Protección Civil. Este ano ademais ó coincidir o 23 de xuño en domingo e véspera de festivo, dende o Departamento de Medio Ambiente agardan un gran número de solicitudes.
No impreso de solicitude xa se indican as normas de obrigado cumprimento que deben manter as persoas que van realizar unha cacharela. Entre elas destácase que o volume da fogueira non debe superar os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; que a separación entre o lume e os edificios e árbores debe ser polo menos de 12 metros; que se prohibe a queima de plásticos, aceites, etc. e que unha vez rematada a cacharela debe revisarse que o lume queda totalmente apagado e no prazo máximo de 48 horas hai que retirar todos os restos da celebración.











