O Concello de San Sadurniño prepara unha nova edición da Roda cicloturista en familia
Dar unha volta polo territorio compartindo unha xornada en bicicleta ao aire libre. Ese é un dos principais obxectivos da roda cicloturista que está preparando para o domingo 2 de xuño o Concello en colaboración co club ciclista Biela e Chaveta. Trátase dunha ruta de 14 quilómetros cunha dificultade baixa para a que xa se poden empezar a entregar as inscricións.
“A VIII Roda cicloturista en familia non é unha competición, senón un encontro de todos os amantes das dúas rodas para gozar dunha ruta de lecer por San Sadurniño”. Así define o concelleiro de Deportes, Suso Soto, a xornada ciclista na que traballa o seu departamento en colaboración co club local Biela e Chaveta. O concelleiro sinala ademais que a roda é gratuíta e que nela pode participar calquera persoa maior de sete anos.
Haberá que cubrir unha ficha de inscrición -dispoñible na web municipal- e entregala na casa da Cultura ou o mesmo día da excursión no punto de saída. A inscrición é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.
A roda arrancará o domingo 2 de xuño ás 11 da mañá do colexio público. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. Ademais, ningún participante poderá abandonar sen antes comunicarllo á organización. O regulamento entende que os inscritos son responsables desde un punto de vista legal e que participan na roda a título persoal como excursionistas.
A chegada estará situada no mesmo lugar que a saída, no contorno do colexio. Tan pronto como chegue o último participante e despois de repoñer o alento a organización ten previsto sortear entre as persoas inscritas varios lotes de material deportivo relacionado co ciclismo. A roda conta co apoio de varias firmas comerciais como a clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, a tenda de material Igaro Bikes, o restaurante Riboira e suministros eléctricos EM Luz S.L.
A oitava edición da Roda cicloturista en familia está organizada en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, quen suscribiu un convenio co Concello para impulsar este deporte no municipio. Dentro deste acordo Biela e Chaveta tamén levará a parte técnica e organizativa doutras dúas probas todoterreo de maior dificultade que se desenvolverán cadrando coa feira rural do mes de agosto e a comezos do outono. O concelleiro de Deportes destaca o “importante incremento de afeccionados ao ciclismo” que se produciu nos últimos anos debido, segundo dixo, “ao traballo que desenvolve Biela e Chaveta saíndo case todas as semanas e participando en competicións comarcais e autonómicas”.