O Concello de San Sadurniño axuda á mocidade na tramitación das axudas para o carné de conducir
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convoca unha liña de axudas para sacar o carné B de conducir co fin de mellorar a empregabilidade e mobilidade de mozos e mozas. A orde foi publicada no DOG do 13 de maio e contempla unha axuda única de 250 euros. A oficina de orientación laboral de San Sadurniño ten máis datos sobre as solicitudes, que se poden presentar a través do portelo único do Concello.
Para poder acollerse a esta liña hai que ter entre 18 e 30 anos, ser titular do Carné Xove e ter matrícula feita nunha autoescola no momento de presentar a solicitude. Á hora de concedela, a Xunta terá en conta os ingresos netos anuais da unidade familiar e, ademais, haberá que aprobar o carné antes do 15 de novembro deste ano.
O prazo está aberto desde o 14 de maio ata o 1 de outubro, pero é importante presentar os papeis canto antes xa que a Xunta deixará de tramitar solicitudes tan pronto como se acaben os cartos para as axudas, aínda que non rematase o prazo.
Se se dan todas as circunstancias quen solicite recibirá 250 euros nun único pagamento trala presentación do xustificante de ter aprobado en prazo e despois de ter asistido a un curso de educación viaria gratuíto organizado pola Dirección Xeral de Xuventude.