O Concello de Ourense fomenta o hábito de lectura entre os escolares coa exposición
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández inaugurou esta mañá a exposición de literatura infantil organizada pola Concellería de Educación dentro da XXIV Campaña de Animación á Lectura. 2.500 escolares dos centros educativos da cidade visitarán esta exposición, coa que o Concello pretende fomentar o hábito de lectura entre os nenos, dun xeito lúdico. A mostra está adicada ao tema central “Ollando aos nosos artistas”, e recibiu esta mañá a primeira visita, por parte de escolares do CEIP As Mercedes.
Este ano, o Concello recupera o Museo Municipal como espazo lúdico para o encontro cos libros con esta exposición, que visitarán ao longo de todo o mes de maio 2.500 escolares de entre 3 e 10 anos de idade dos colexios da cidade. Funcionará en horario de mañá con visitas concertadas e pola tarde abrirá ao público en xeral, sempre con monitores que fomentarán a lectura. Os sábados pola mañá realizaranse tamén actividades de contacontos e obradoiros, entre outras.
Lugar de encontro cos artistas ourensáns
O tema globalizador da Campaña deste curso é “Ollando aos nosos artistas” polo que a exposición enlaza calquera tipo de escrita coas manifestacións artísticas máis diversas, nun xogo de adiviñas, xincanas literarias, creacións plástica e narracións animadas.
Este ano retómase o espazo do Museo Municipal como lugar de encontro cos artistas ourensáns esperando que os alumnos da cidade podan descubrir aos creadores ourensáns de distintas disciplinas artísticas, a través das súas obras.
A pintura, a escrita, a escultura e a fotografía son os catro espazos recreados pola pintora María Puertas de onde partirán as propostas didácticas para o encontro lectura-arte.
A XXIV Exposición de Animación á Lectura recibirá visitas concertadas de escolares de 9:00 a 14:00 horas, e abre ao público en xeral de 19:00 a 21:00 horas, de luns a venres e os sábados de 11:30 a 13:00, durante todo o mes de maio.











