O Concello de Ordes organiza unha exposición sobre Vidal Bolaño para celebrar o Día das Letras Galegas
Con motivo do Día das letras galegas que se celebrará o vindeiro 17 de maio o Concello de Ordes ten previstas distintas actividades. A máis destacada é a exposición sobre Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo director e actor de teatro a quen se lle adica esta xornada. A mostra contará cunha serie de paneis onde os visitantes e ususarios da biblioteca poderán ver imaxes e realizar un percorrido sobre a vida e obra deste autor compostelán falecido no ano 2002. tamén se exporán as obras e documentos que o espazo posúe sobre este autor.
Por outra banda tamén se levarán a cabo dous obradoiros dirixidos aos máis novos e novas do municipio, e cos que se pretende ensalzar a figura de Vidal Bolaño á par que se realiza unha actividade lúdica para realizar en grupo. Os nenos e nenas de 3 a 6 anos contarán cun obradoiro de marcapáxinas que se desenvolverá na mesma biblioteca o día 15 a partir das 18 horas. Por outra banda os rapaces e rapazas de 7 a 12 anos teñen a oportunidade de asistir ao obradoiro de plastilina que terá lugar na biblioteca o día 16 ás 18 horas. Unha actividade na que colabora a Consellería de Cultura a través do seu programa ‘Ler conta moito’.
Os interesados deben inscribirse ata o 10 de maio como data límite, tendo en conta que as prazas serán adxudicadas por rigurosa orde de inscrición xa que son limitadas. Para obter máis información basta con solicitala no Departamento de Cultura e Deportes do Concello, situado no primeiro andar da Casa Consistorial, ou ben a través dos teléfono 981 680 002 e 981 681 992.