O Concello de Lalín e a empresa Framiñán cederán vivendas e aluguer para colectivos en risco de exclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal Portada
A-
A+
Crespo con representantes da empresa construtora

Crespo con representantes da empresa construtora

O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado pola concelleira de Benestar, Paz Pérez, e por Antonio Framiñán (pai), Antonio Framiñán (fillo) e Ana Framiñán da empresa Framiñán, presentaron en rolda de prensa dúas iniciativas nas que esta empresa lalinense colaborará de xeito altruísta: trátase dun programa de cesión de 2 vivendas para colectivos con risco de exclusión social e do programa de aluguer social que contempla prezos reducidos e con opción a compra

Crespo e Pérez agradeceron a colaboración amosada por Framiñán que permitirá axudar ás persoas que máis o necesitan e animaron a outras empresas e entidades a sumarse á causa. O rexedor destacou o esforzo que desde o Concello e a través da Concellería de Benestar se está facendo para facilitar alternativas, recursos e itinerarios de integración social a aquelas persoas con especiais dificultades.

O programa de cesión de vivendas para colectivos en risco de exclusión social, posible grazas á colaboración da empresa Framiñán, contempla a cesión de 2 vivendas a título gratuíto para ser destinadas a colectivos en situal de especial vulnerabilidade, por un período de dous anos. Trátase de vivendas xa equipadas, polas que as persoas beneficiarias unicamente teñen que pagar os gastos de comunidade, seguro de vivenda e subministracións (auga, enerxía eléctrica, gas natural e lixo). O prazo de presentación de solicitudes é ata o 13 de maio. O aluguer social, outra iniciativa de Framiñán, ofrece un aluguer a prezo reducido (190 euros) con opción de compra para colectivos en risco de exclusión social.

O impulsor da empresa lalinense, Antonio Framiñán dixo que con estas iniciativas o que intentamos é “poñer o noso gran de area” para axudar a quen máis o necesita.

Pola súa parte, a concelleira de Benestar, Paz Pérez, ademais de explicar os pormenores dos dous programas nos que colabora a empresa Framiñán (as persoas interesadas poden chamar ao departamento de Benestar: 986 78 00 14) presentou todos os recursos e iniciativas que está a desenvolver o Concello de Lalín a través do “macroprorama de prestacións” para as persoas en risco de exclusión social. Anunciou a posta en marcha dunha Oficina de Intermediación Hipotecaria en colaboración co Colexio de Avogados de Pontevedra; dixo que o Concello de Lalín se acaba de adherir ao convenio da Xunta, Fegamp e Consello Xeral do Poder Xudicial en materia de desafiuzamentos e fixo balance doutras iniciativas cun carácter solidario como a recollida de alimentos (máis de 26.400 quilogramos recollidos), as axudas de emerxencia social, o Desván Municipal ou as axudas á escolarización, entre un abano moi amplo de recursos municipais que teñen todos como fin garantir as necesidades básicas (alimento, roupa, medicamentos e vivenda) das familias lalinenses con menos recursos.

6 de maio de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.