O Concello de Gondomar realiza un inventario da súa rede de saneamento
A pasada semana déronse a coñecer os resultados do inventario de saneamaiento do municipio. Na reunión, mantida na Casa Consistorial, estiveron presentes Fernado Guitián, alcalde do municpio; Natalia Salgueiro, concelleira de Deporte e Facenda; Carlos Lameiro, concelleiro de Urbanismo; Juan Carlos González, concelleiro de Medio Ambiente e Jesús Salgueiro, concelleiro de Vías e Obras; xunto ao interventor, secretario e arquitecto do Concello.
O obxectivo principal do inventario, realizado pola empresa Espiña e Delfín, foi recompilar información para coñecer o estado da rede de saneamento do municipio, tanto dos colectores, coma das vivendas, conectadas e non conectadas a esta rede.
As conclusións deste estudo son un primeiro paso para contribuír a un mellor coñecemento sobre o estado das infraestruturas de saneamento, identificando as súas fortalezas e debilidades para buscar solucións alternativas e priorizar os investimentos e custos. Todo iso co obxectivo principal de fortalecer e facilitar as xestións.
Tendo en conta os resultados do inventario, o goberno municipal redactará unha ordenanza que normalice as conexións á rede de saneamento, ademais de regular o pagamento da rede de redes de sumidoiros e da depuración das augas, cuxa competencia é municipal.
Fernando Guitián, alcalde de Gondomar, afirma que “os datos achegados por este estudo son moi interesantes e nos axudarán a xestionar as necesidades dun xeito máis eficaz. Ademais permitirá unificar a responsabilidade que todos temos para manter o bo estado da nosa rede de saneamento”.
Con estas medidas, o Concello de Gondomar pretende atender á responsabilidade ambiental reflectida no principio comunitario de “quen contamina, paga”, establecendo un marco común para todos co fin de previr e reparar os danos causados no medio.