O Concello de Ferrol oferta 15 novas actividades extraescolares para o curso escolar 2013-2014
A Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, vén de remitir aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio as propostas para o Programa Educativo municipal de “Actividades extraescolares” de cara ao vindeiro curso académico 2013-2014. Esta oferta desenvolverase en forma de cursos e obradoiros fora do horario escolar, e de luns a venres.
O programa de actividades extraescolares ofertadas pola Concellería de Educación e impartida nos dez Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio conta con quince novas propostas: Alemán; linguaxe de signos; técnicas de estudo; habilidades sociais e de comunicación; informática, internet, blogs e redes sociais; emprendemento e habilidades cooperativas; creatividade; guitarra; xogos de mesa; informática musical; risoterapia; pilates; conta contos; xardíns e semilleiros escolares; e hortas e semilleiros escolares . A todas elas, hai que engadir as desenvoltas xa no presente curso 2012-2013, compostas por dezasete obradoiros: Música (gaita galega, percusión tradicional, iniciación á música…), patinaxe, baile (baile moderno, baile galego…), debuxo e pintura, teatro, xogos cooperativos e xogos tradicionais, ximnasia rítmica, capoeira, chinés, francés, karate, judo, fotografía, informática e internet, manualidades, fútbol e baloncesto. En resumo, as actividades extraescolares ofertadas para o vindeiro curso académico 2013-2014 ascenden a un total de 32.
Este programa municipal de educación, por tratarse de obradoiros de apoio ao ensino formal impartido dende os CEIP, terá un horario en quenda de tarde de luns a venres. O tempo que dedicará cada grupo de alumnos/as á actividade será de dúas horas semanais, dende outubro de 2013 a maio de 2014.