O Concello de Ferrol conmemora as Letras Galegas con diferentes actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol organiza diferentes actividades para conmemorar as Letras Galegas, que este ano se dedica á figura de Roberto Vidal Bolaño. As Concellerías de Normalización Lingüística, e Educación, que dirixen Martina Aneiros Barros e Susana Martínez Galdós, respectivamente, participan de maneira conxunta nesta programación especial, que inclúe eventos os vindeiros luns 6 e martes 7.

Os primeiros actos de celebración das Letras Galegas serán o vindeiro luns, día 6 de maio, ás 19:00 horas no Centro Cultural Carvalho Calero, coa inauguración da exposición dos traballos seleccionados do XIII certame Poesía e Imaxe “En galego, sen filtro” e a entrega de premios ao alumnado gañador. Esta iniciativa está organizada pola Área de Normalización Lingüística do Concello en colaboración coa Coordinadora de Equipa de Normalización Lingüística de Ferrolterra. Os 27 traballos premiados, correspondentes a 48 autores, recibirán un agasallo e unha reprodución da súa obra da man da concelleira responsable desta área, Martina Aneiros Barros. O acto inaugural estará amenizado pola actuación dun cuarteto do Conservatorio profesional de música Xan Viaño de Ferrol.

Esta actividade ten como destinatario principal a comunidade educativa non universitaria e procura contribuír á normalización social do idioma no ámbito do ensino, chegando non só ao profesorado e ao alumnado senón tamén aos pais e nais. O certame Poesía e Imaxe procura achegar aos máis novo a realidade plurilingüe do mundo do que forma parte a lingua galega así como a existencia de culturas e formas diferentes de expresión e comunicación. O alumnado da cidade naval e comarca -dende educación infantil ata ciclos formativos- participa coa realización de debuxos, fotografías, colaxe e demais técnicas que están baseados en fragmentos de poesía ou prosa na lingua orixinal de diversas culturas do mundo. A exposición estará aberta ao público no Centro Cultural Carvalho Calero e durante o curso 2013-2014 visitará os centros de ensino que a soliciten.

Xornada educativa

Así mesmo, e tamén enmarcado nos actos conmemorativos das Letras Galegas, o departamento municipal de Educación levará a cabo os actos titulados “Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño”, ao abeiro dos Programas Educativos municipais. A proposta educativa será o vindeiro martes 7 na capela do Centro Cultural Torrente Ballester e estarán divididas en dúas sesións, de 10:30 a 11:45 horas e de 12:00 a 13:15 horas. O alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria Obrigatoria (EPO) de diferentes colexios da cidade, poderán gozar dunha proxección de audiovisual sobre o homenaxeado pertencente a Gonzalo Enríquez Veloso, ademais contarán coa intervención de Montse Pena Presas estudosa da obra de Vidal Bolaño e autora de “Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño” e a participación da irmán do homenaxeado, Carmen Vidal Bolaño.

Ademais, o mesmo día farase un reparto de exemplares da obra “Un chapeu negro e un nariz de pallaso” de Roberto Vidal Bolaño a todos los centros participantes nesta xornada.

3 de maio de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.