publicidade hoxe

O Concello de Cedeira promove GalEco, unha galería aberta ás Enerxías Renovables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

Cedeira será sede da primeira edición de GalEco, unha Galería aberta ao mundo da Ecoloxía e, máis concretamente, ás Enerxías Renovables. Organizada polo Concello, celebrarase o sábado 8 e o domingo 9 de xuño na vila. A Avenida de a Mariña, no tramo que discorre entre as pontes vella e nova, albergará a cita en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas). Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Luis Rubido, explica que a feira nace cun obxectivo moi claro: fomentar o uso de enerxías renovables a nivel doméstico, dando a coñecer os sistemas que veciños e veciñas teñen o seu alcance, explicando o seu funcionamento e informando dos seus beneficios, tanto de carácter ambiental como económico. Para iso, firmas comerciais especializadas mostrarán ao público todo tipo de produtos, dende placas solares para abastecer de enerxía a vivenda ata cociñas e caldeiras de biomasa. O catálogo completarase con talleres prácticos, aglutinados en torno ao que se denominou a Feira do Sol, onde os asistentes poderán comprobar in situ o seu funcionamento.
Outro dos puntos fortes de GalEco será a tecnoloxía smart, enfocada a particulares e administracións públicas. A firma Grupo Austen, especializada en wireless sensor networks, dará a coñecer Sega System e SiLamp, dúas ferramentas de eficiencia enerxética con múltiples aplicacións no campo da agricultura, a iluminación pública ou a xestión de residuos. Unha tecnoloxía que funciona con éxito na smartcity de Santander. E unhas ferramentas con selo ferrolano que permiten xestionar a través do móbil ou o ordenador dende o control do rego en cultivos ou xardíns ata o arranque e apagamento programado dos puntos de luz.

Neste contexto, Luis Rubido asegura que GalEco nace con vocación de continuidade e con ganas de reeditar a cita en próximos anos, ampliando e mellorando a súa oferta. E é que GalEco nace do compromiso do goberno local coas enerxías renovables. Compromiso que acompañou a xestión municipal. Así, as actuacións máis recentes nesta materia permitiron levar a cabo a instalación de paneis solares no pavillón polideportivo municipal para a produción de auga quente para a piscina climatizada ou a substitución da caldeira de gasóleo
por unha de biomasa na escola infantil municipal, así como a paulatina renovación das luminarias por outras de baixo consumo.
Con esta Galería aberta ás enerxías renovables, o goberno local de Cedeira dá un paso adiante e, á par que traballa porque a Administración sexa un exemplo nesta materia, busca a implicación dos veciños para lograr que o uso de sistemas de eficiencia enerxética se converta
nunha realidade. Con vantaxes para o medio, pero tamén para a economía doméstica, posto que o investimento inicial, co prezo das fontes de enerxía tradicionais en continua suba, lógrase amortizar nun período de tempo máis que razoable.

14 de maio de 2013 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.