O Concello de Carballo emprende a mellora da rodadura en varias vías do casco urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O Concello informa, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, de que o xoves 9 de maio principian na capital municipal os traballos de mellora do firme incluídos no proxecto de “Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo” do Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, “Unha Deputación para todos os concellos”. Construcciones López Cao SL é a empresa encargada das obras que teñen un prezo de adxudicación de 134.310 euros, con IVE. A actuación consiste en reparar principalmente o pavimento afectado polo tráfico de vehículos pesados que atravesan a cotío o núcleo carballés. Afectará, por unha banda, á glorieta da rúa Sol, ás rúas Vila de Negreira, Vila de Corcubión, Avenida de Bergantiños, Vila de Ordes e Gran Vía, que é o percorrido habitual que realizan os camións que se dirixen a Santiago e Ordes; e por outro lado, realizaranse melloras nas rúas Vázquez de Parga, Emilio Pardo Bazán, glorieta do Haley, rúas Perú (na imaxe), Luís Calvo e Daniel Rodríguez de Castelao, percorrido habitual dos camións que se dirixen a Fisterra. O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas, xa que durante as obras, de aproximadamente dúas semanas de duración, está previsto que haxa cortes parciais, de alomenos un carril, das vías afectadas, o que pode derivar en tráfico lento. A administración local solicita aos usuarios e usuarias que traten de empregar rutas alternativas e pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

Respecto da natureza das actuacións, está previsto que nos treitos que están moi danados se repare totalmente a estrutura da vía, o que supón levantar o aglomerado e poñer todas as capas de firme dende a base. Nas áreas que presentan fochas pero nas que a estrutura non está danada, levantarase tan só a capa ou capas afectadas e colocarase o aglomerado na parte superior. Está previsto que o xoves 9 os traballos comecen na zona das rúas Gran Vía (preto da glorieta coa Vázquez de Parga) e Vila de Ordes, para ir continuando os arranxos cara a Avenida de Bergantiños e a Vila de Negreira. En todo caso, está previsto que os traballos estean perfectamente sinalizados, así como delimitados os carrís que estarán cortados ao tráfico rodado e o Concello espera que as molestias ocasionadas sexan as mínimas posibles. Hai que lembrar que, a estes labores puntuais de conservación, mellora e rebacheo de vías e rúas do municipio, hai que engadir os labores que o Concello de Carballo -a través da Concellaría de Obras e Servizos- realiza de forma cotiá para a conservación e mantemento dos espazos públicos, así como para o mantemento de vías e beirrarúas co seu desbroce, tanto no casco urbano como nas parroquias.

7 de maio de 2013 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.