publicidade hoxe

O Concello de Ares e Aspaneps levaron ao CPI Conde de Fenosa o programa “Ponte no meu lugar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

A Concellaría de Educación, que dirixe José Juan Vilar, e a entidade Aspaneps levaron ao CPI Conde de Fenosa o programa “Ponte no meu lugar”, unha recoñecida actividade promovida e desenvolvida por esta asociación que ten como principal obxectivo o de achegar a discapacidade en primeira persoa a través de dinámicas e accións participativas que procuran a reflexión entre o alumnado de 6º de Primaria e o profesorado.

Tanto na mañá de onte como na de hoxe, os responsables deste programa levaron a cabo diversas actividades cos nenos e nenas do derradeiro curso de Primaria, que poideron constatar as dificultades coas que persoas invidentes, xordas ou con problemas de movilidade pódense atopar nas súas rutinas diarias nun centro escolar, neste caso o de Ares. As actividades de hoxe contaron coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, que tamén estivo presente na entrega por parte de Aspaneps á directora do centro escolar, Blanca Cortizas, do diploma acreditativo da realización deste programa.

Este colexio ten unha destacada participación en iniciativas deste tipo. De feito, o CPI Conde de Fenosa vén de ser recoñecido pola ONCE pola realización por parte dunhas alumnas dun vídeo de concienciación e sensibilización sobre as distintas capacidades.

O programa “Ponte no meu lugar” desenvólvese en dúas fases. A primeira, a do traballo cos Mestres e alumnado de 6º co apoio de carteis temáticos e unha película para comentar cómo se vive o feito de ser tratado de maneira diferente. A segunda fase é de vivir en primeira persoa esas dificultades, realizando un circuito para que os nenos e nenas, xunto cos seus Mestres, fagan en cadeira de rodas, cunhas vendas nos ollos ou cuns cascos cos oídos. Estas “probas” foron as que se levaron a cabo esta mañá.

24 de maio de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.