publicidade hoxe

O Concello de Ames remite á dirección técnica da obra da rúa Anxeriz as análises dos materiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

O Concello de Ames vén de enviarlle á dirección de obra da rúa Anxeriz, no Milladoiro, as análises sobre as mostras tomadas na zona por parte dunha empresa de control de calidade o pasado mes de marzo. O obxectivo é que a dirección de obra emita un informe sobre o resultado destas catas coa finalidade de determinar cales foron as causas dos desperfectos que se produciron no pavimento, e a solución a adoptar para o seu arranxo. Dende o Concello de Ames esperase que por parte da dirección de obra se diagnostiquen as causas e se valore a solución ao problema actual da rúa.

O pasado 8 de marzo, técnicos municipais, operarios da empresa que levou a cabo as obras na rúa Anxeriz, os directores de obra e traballadores dunha empresa de control de calidade realizaron na rúa a toma de mostras in situ de compoñentes do pavimento. O obxectivo destes traballos, que requiriron o corte ao tráfico da rúa, era analizar a resistencia dos materiais empregados na obra.

O primeiro dos pasos foi determinar os tres puntos da rúa nos que se tomarían as mostras e marcalos. Despois, procedeuse ao levantamento de adoquíns nestas zonas para que o operario da empresa de control de calidade tomase as mostras de formigón e morteiro que posteriormente se analizarían para determinar a súa calidade e resistencia.

As mostras tomáronse en tres puntos da rúa nos que se observaban tres aparencias do pavimento distintas. No primeiro caso, atopábase roto o zuncho de formigón e fundido o pavimento. No segundo caso, estaba fundido o cerco dunha arqueta, mentres que no terceiro atopábase fundido o formigón nunha das zonas de rodadura da rúa. En todos estes puntos, tomáronse mostras dos diferentes compoñentes do pavimento para realizar probas en laboratorio. Ademais, supervisáronse outros puntos da rúa indicados por veciños e veciñas.

Esta operación de toma de mostras foi froito das xestións levadas a cabo polo Concello de Ames coa dirección de obra e a empresa adxudicataria das obras de reurbanización da rúa Anxeriz, de cara a determinar e atallar as causas que motivan as deficiencias que presenta actualmente o pavimento.

3 de maio de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.