O Concello de Ames realizará obras na contorna do campo de fútbol municipal del Bertamiráns grazas a un convenio coa Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesProvincias
A-
A+
Vista dos planos da mellora

Vista dos planos das obras de mellora

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá na Casa do Concello de Ames un convenio de colaboración con Santiago Amor, rexedor do municipio, para cofinanciar as obras na contorna do campo de fútbol municipal de Bertamiráns.

A achega provincial para este fin ascende a 45.860,76 euros, unha cantidade que cubrirá o 78,061 % do orzamento total de 58.749,54 euros. Estas actuacións incluirán o peche metálico da parte oeste do campo de fútbol, a construción dun muro de contención, a execución da canalización, o axardinamento da contorna, a construción dun almacén, ou a creación de aseos públicos.

Logo da sinatura do acordo, o presidente provincial, acompañado polo alcalde, visitou o campo de fútbol onde se realizarán as obras.

O presidente provincial entende que no Concello de Ames “vive moita xente nova”, un sector de idade con moitas necesidades vinculadas á práctica deportiva. “Rematar instalacións coma esta é unha boa decisión do alcalde”, asegurou Calvo, quen recoñeceu “que os convenios asinados coa Deputación posibilitaron rematar moitas obras que estaban pendentes en Ames”.

O titular provincial tamén mostrou a súa disposición a “seguir dando as solucións que nos demandan desde o equipo municipal”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames subliñou o apoio do equipo de goberno co deporte local e agradeceu o compromiso da Deputación co municipio, “unha aposta que permitiu levar a cabo nos últimos meses obras moi demandadas, como a mellora da Travesía do Porto, a pavimentación en Lapido ou a ampliación do abastecemento a Barouta”.

 Obras provinciais no municipio

Tras esta visita, Diego Calvo e Santiago Amor achegáronse ata o Lugar de Lapido para comprobar o resultado dunhas obras realizadas pola Deputación nesta contorna, como a pavimentación dos camiños interiores, actuación que supuxo un investimento provincial de 79.202 euros.

En todo o concello, nos últimos meses a institución provincial rematou obras por valor de 321.127,54 euros, nas que tamén se inclúen a reparación do firme asfáltico e o pintado da Travesía do Porto en Milladoiro (67.933,87 euros); o acondicionamento e mellora da rúa Seidón do Milladoiro (32.689 euros); as obras de mellora de seguridade peonil no Milladoiro (58.102,4 euros); obras de mellora da seguridade peonil en Biduído de Arriba (55.080 euros); ou a canalización de pluviais e mellora da seguridade viaria no lugar de Ventín (28.120,27 euros).

Ademais destas obras xa rematadas, a Deputación ten previsto, a día de hoxe, outra serie de obras cun orzamento estimado de algo máis de 430.000 euros, co que as achegas provincias para o Concello de Ames ascenderá a 784.097,66 euros.

30 de maio de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.