O Concello de Ames conmemora as Letras Galegas durante todo o mes de maio
O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, ten preparada para este mes de maio unha completa programación para conmemorar as Letras Galegas, que este ano lembra a figura de Roberto Vidal Bolaño. A celebración desta festividade comezou ao pasado venres, coa celebración en Bertamiráns dunha sesión de contacontos, poesía e música en torno á vida e obra de Vidal Bolaño que correu a cargo da compañía Xandobela. Os contacontos seguirán este venres, 10 de maio, da man da compañía Migallas Teatro, que achegará o seu espectáculo ‘Cantacontos’ a rapaces e rapazas de varios centros educativos. Deste xeito, máis de 300 nenos e nenas da EEI O Milladoiro, do CEIP A Maía, do CEIP Agro do Muíño e do CEIP Barouta poderán gozar dos contos tradicionais e de creación propia, combinados con cancións, música e son.
A programación entorno ao Día das Letras Galegas continuará a vindeira semana coa posta en marcha do ciclo Cine das Letras e coa celebración do que será o acto literario-musical central desta conmemoración, que terá lugar o xoves 16 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro. A homenaxe a Vidal Bolaño rematará o 24 de maio coa programación da obra BailaDELAS.
A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destaca que para este mes de maio “o Concello preparou unha completa programación para celebrar as Letras Galegas, combinando o cine, a música, a literatura e o teatro”. A concelleira convida a todos/as os/as amienses a participar nestas actividades, “que teñen como obxectivo homenaxear a figura de Vidal Bolaño e ás nosas letras”.
Deste xeito, do luns 13 ao mércores 15 de maio, o Concello de Ames acollerá a programación do ciclo Cine das Letras, unha iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer producións culturais en lingua galega, nomeadamente as creacións audiovisuais e literarias, achegándolle á cidadanía producións audiovisuais en lingua galega difíciles de atopar nas salas comerciais. O nexo de unión entre todas as películas programadas é que son adaptacións de obras literarias galegas. A entrada será de balde.
A primeira proxección deste ciclo terá lugar o luns 13 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde ás 21:00 horas se poderá ver o filme ‘O lapis do carpinteiro’. Este filme, estreado en 2002 e dirixido por Antón Reixa, está baseado na novela homónima de Manuel Rivas e conta unha historia ambientada durante a Guerra Civil española en Galicia.
A seguinte película en proxectarse neste ciclo de cine será ‘Romasanta, a caza da besta’. Neste caso, a proxección terá lugar o martes, 14 de maio, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Este filme, estreado en 2004 dirixido por Paco Plaza, está baseado nunha novela de Alfredo Conde e na historia verídica de Manuel Blanco Romasanta, tamén coñecido como o home lobo de Allariz.
Cine das Letras continuará o mércores, 15 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección da película ‘O club da calceta’. O filme, dirixido por Antón Dobao no ano 2009, é unha adaptación libre da premiada novela do mesmo nome da lucense María Reimóndez.
Acto literario-musical
Para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio, o Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical, no que actuará a Escola Municipal de Música de Ames e se fará entrega dos premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas.
A programación dedicada ás Letras Galegas rematará o venres 24 de maio, unha xornada na que a compañía de teatro Antroido presentará na Casa da Cultura do Milladoiro o seu espectáculo BailadELAS. Esta obra, que se poderá ver a partir das 21:00 horas, está dirixida por Xavier Estévez e foi escrita por Roi Vidal, sobre textos do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Laura Ponte é a actriz protagonista de BailadELAS, encargada de interpretar nesta montaxe as personaxes femininas inspiradas en cinco textos do dramaturgo ao que neste 2013 se lle dedica o Día das Letras Galegas.











