O Concello de Ames acollerá o luns unha reunión da comisión municipal sobre desafiuzamentos
O Concello de Ames acollerá na mañá do vindeiro luns, 3 de xuño, a celebración dunha reunión da comisión municipal sobre desafiuzamentos. A finalidade deste encontro é facer un seguimento dos casos que hai actualmente e presentar a campaña informativa sobre a comisión, os seus obxectivos e as canles postas a disposición dos cidadáns para recibir asesoramento e apoio ante este tipo de casos.
Esta comisión, presidida pola concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, contará coa presenza de representantes dos grupos políticos, traballadores dos Servizos Sociais municipais, representantes de Cáritas e membros de Stop Desafiuzamentos e Arquitectos Sin Fronteras. A comisión sobre desafiuzamentos, que foi posta en marcha o pasado 21 de maio, ten como finalidade a de atender posibles casos e, principalmente, traballar na súa prevención.
O Concello lembra, ademais, que os Servizos Sociais municipais prestan información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que necesiten este asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).