publicidade hoxe

O Concello de Ames acolle a comisión municipal sobre desafiuzamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames acolleu a última hora desta mañá a constitución formal da comisión municipal sobre desafiuzamentos, na que se abordou o caso dunha familia do Milladoiro que está renegociando a súa hipoteca co banco. Este encontro levouse a cabo tras a reunión que mantiveron na tarde de onte os veciños afectados cos responsables da entidade financeira e á que asistiu a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín.

Na comisión municipal, María Eugenia Martín subliñou que o Concello de Ames estalle prestando apoio para afrontar esta situación á familia, coa que está en contacto directo. A concelleira destacou que neste momento non hai un desafiuzamento en marcha, senón que se trata de que a familia renegocie os seus préstamos co banco. A concelleira explicou que a entidade financeira comprometeuse a manter máis reunións coa familia e a realizar un estudo da súa situación económica co obxectivo de presentarlles unha proposta de renegociación das condicións da súa hipoteca.

A comisión municipal sobre desafiuzamentos contou coa asistencia da concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, da concelleira Pilar Candocia e da concelleira do grupo socialista Isabel González. Ademais, estiveron presentes traballadores dos Servizos Sociais municipais, representantes de Cáritas e membros de Stop Desafiuzamentos. Na súa orde do día, estaba incluída a constitución formal de dita comisión e da subcomisión técnica delegada, formada polos técnicos municipais de Servizos Sociais e por un delegado das organizacións máis implicadas na materia de desafiuzamentos e asuntos bancarios. Ademais, analizouse o caso concreto desta familia do Milladoiro.

Creación dunha comisión técnica delegada

A subcomisión técnica delegada sobre desafiuzamentos terá como obxectivo abordar con antelación dos casos ou aqueles outros que estean en fase de execución do desafiuzamento, previa entrevista co/coa traballador/a social municipal que lle corresponda.

Esta subcomisión levará a cabo tarefas de orientación e asesoramento legal, de balde, a aqueles veciños/as de Ames que non poidan facer fronte ao abono das súas cotas hipotecarias e propoñer solucións alternativas. Tamén asesorarán a aquelas persoas que non poidan afrontar os seus alugueres ou que, pola súa situación económica, prevén que non poidan afrontalo nos próximos meses. Ademais, entre outras actuacións, procurarán ás persoas afectadas unha atención correcta e integral no ámbito competencial da Concellería de Benestar Social, poñendo á súa disposición todos os recursos necesarios, tanto humanos como materiais.

O Concello lembra, ademais, que os Servizos Sociais municipais prestan información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que precisen deste asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).

21 de maio de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.