publicidade hoxe

O Concello da Coruña e a DGT fan un chamamento aos peóns para que respecten as normas de circulación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, e o máximo responsable da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) en Galicia, Pedro Pastor, realizaron esta mañá un percorrido a pé polos arredores de Catro Camiños con motivo da Segunda Semana Mundial da Seguridade Vial de Nacións Unidas, e no que aproveitaron para facer un chamamento aos peóns para que respecten as normas de circulación.

O tema elixido para esta segunda edición, que leva por lema Da o paso, anda, é a seguridade dos peóns, con especial atención aos viandantes que transitan pola vía pública en zonas urbanas. A responsable municipal de Mobilidade explicou que o Concello traballa en colaboración coa DGT e se sumou a esta campaña co obxectivo de concienciar os cidadáns sobre os beneficios que reporta para a saúde o desprazamento a pé, ademais do aforro económico e da redución dos niveis de contaminación e dos atoamentos que supón non utilizar medios de transporte a motor.

A Segunda Semana Mundial da Seguridade Vial busca tres obxectivos fundamentais:

– Promover os desprazamentos a pé como modo de mobilidade eficiente e alternativo a realizar nos traxectos curtos.

– Proporcionar espazos seguros de mobilidade para peóns, concienciando tamén os condutores de vehículos sobre a vulnerabilidade dos peóns.

– Mellorar o coñecemento sobre posibles accidentes nos que se ven implicados os peóns, así como a súa mobilidade. Neste sentido, tanto Begoña Freire coma Pedro Pastor insistiron na necesidade que teñen os peóns de respectar as normas de seguridade -como non invadir o carril bici, facerse visibles ou cruzar polas zonas habilitadas para peóns- e a responsabilidade que teñen como usuarios da vía en zonas urbanas e interurbanas.

A concelleira de Tráfico e Mobilidade destacou que un dos seus obxectivos prioritarios é traballar na mellora da seguridade vial, ao tempo que indicou que nos últimos anos se produciu unha redución progresiva dos atropelos na cidade, así como da gravidade das lesións.

“A mellora das estatísticas significa que se está a traballar na liña correcta e que cada vez existe unha maior concienciación tanto por parte dos propios peóns coma dos condutores. Non obstante, esta diminución no número de atropelos non nos pode levar a baixar a garda, senón a reafirmarnos e seguir adiante co noso compromiso de reforzar a seguridade vial dos peóns, afirmou a concelleira.
Pola súa banda, o director da DGT en Galicia tamén indicou que en 2012 se produciron na comunidade autónoma un total de 390 atropelos con vítimas, dos cales 33 foron mortais -19 en estrada e 14 en zona urbana-. No caso concreto da provincia da Coruña, houbo 156 atropelos con vítimas, dos que 11 foron mortais -7 en estrada e 4 en zona urbana-.

INICIATIVAS

Freire informou dalgunhas das medidas desenvolvidas polo Concello en materia de seguridade vial. Neste sentido, o departamento de Mobilidade prestou especial atención na educación vial dos máis novos. A concelleira puxo como exemplo o plan de vixilancia e seguridade en centros de ensino. En concreto, fixo referencia ao dispositivo especial de regulación de tráfico nas entradas e saídas dos colexios.

“A Policía Local deseña un dispositivo especial para cada curso escolar, no que se recolle un plan de traballo en función dos diferentes horarios dos colexios, a súa situación, o deseño viario, a afluencia de alumnos e as súas idades, ou os medios de transporte utilizados”, sinalou Begoña Freire, quen explicou ademais que este dispositivo especial se revisa a mediados de curso, actualizándose todas as veces que sexa necesario para que se axuste ás necesidades detectadas durante a súa programación.

A maiores, o Concello acaba de poñer en marcha o Proxecto de Camiño Escolar Seguro Ancas. Trátase dun programa no que participan de xeito coordinado as concellarías de Educación e Mobilidade, Stop Accidentes e a comunidade educativa. Esta experiencia piloto iniciouse no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Concepción Areal, co obxectivo de estendelo a outros colexios da cidade que xa solicitaron a súa participación. “Estamos moi satisfeitos con esta iniciativa. É un exemplo para todos, pola implicación non só dos nenos, que son os verdadeiros protagonistas, senón tamén de nais e pais”, destacou Freire.

A concelleira de Tráfico e Mobilidade tamén avanzou que o seu departamento xa traballa en desenvolver outras senllas seguras pola cidade que van máis alá do ámbito escolar. Así, proxéctanse outro tipo de rutas de diferentes temáticas e para diferentes idades para fomentar e concienciar entre os peóns o uso de percorridos seguros nos seus desprazamentos.

INVESTIMENTO MUNICIPAL
O Concello continúa en 2013 cun programa de actuacións que, ademais de modernizar e mellorar a calidade de vida na cidade, supón incrementar a seguridade dos peóns, aos que se lles concede o máximo protagonismo. Nesta liña, o plan de reurbanización de espazos públicos dispón nos presupostos municipais deste ano dunha cantidade que supera os 11 millóns de euros, o que supón duplicar o investimento previsto inicialmente para 2012 e case multiplicar por catro a de 2011.

Begoña Freire puxo como exemplo o percorrido realizado esta mañá co responsable territorial da DGT en Galicia polas inmediacións de Catro Camiños, que supoñen un investimento de máis de 330.000 euros. “As reformas do ámbito da Palloza, Concepción Areal, Costa da Palloza e da praza de Catro Camiños, da praza situada entre Concepción Areal e a avenida de Xeneral Sanjurjo son un exemplo do obxectivo de contar cunha cidade pensada para os coruñeses: con espazos públicos de calidade, amigables e que favorecen o tránsito peonil. Atendeuse unha demanda histórica dos veciños e comerciantes da zona cun novo paso de peóns con semáforo que mellora o itinerario peonil e conecta a zona da escalinata de Santa Lucía con tres grandes zonas de esparexemento peonil: praza da Palloza, praza da Fábrica de Tabacos e Parque Europa,” concluíu a concelleira.

10 de maio de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.