O Concello da Coruña adhírese á Asociación Civinet España e Portugal que aglutina entidades interesadas na mobilidade sostible
O Concello da Coruña, a través da área de Tráfico e Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa de que esta mañá formalizou, xunto con outras 19 cidades españolas e portuguesas, a súa adhesión á Asociación Rede Civinet España e Portugal, unha entidade que aglutina a entidades públicas e privadas preocupadas e interesadas pola mobilidade sostible. A firma de cidades para a ceración da Rede Civinet España e Portugal como asociación tivo lugar en Santander, no marco do IV Foro Civitas España e Portugal. Entre os obxectivos desta asociación, que se enmarca nun proxecto europeo subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea desenvolvido dende decembro de 2009, destacan:
– O intercambio de experiencias e de mellores prácticas en estratexias, políticas, plans e medidas de mobilidade sostible, e outros temas de interese para a Rede, como o medio, a planificación urbana, aforro e implementación de tecnoloxías orientadas á eficiencia enerxética, ou calquera outra cuestión enfocada á sostibilidade do medio urbano e a súa utilización.
– Achegar ás entidades, como socios, os proxectos europeos e servir de informador das iniciativas.
– Promover os proxectos europeos entre as entidades ou na mesma asociación.
– Realizar traballos a favor da mobilidade sostible.
En definitiva, trátase dunha rede para intercambiar experiencias no ámbito da mobilidade sostible e impulsar proxectos e programas para mellorar o nivel de comunicación e compromiso de todos os participantes e redundar así na aplicación de medidas de sostibilidade máis axeitadas e eficientes.
Entre as actividades que levará a cabo destacan a realización de comunicacións e información sobre actividades en canto a mobilidade sostible a nivel nacional, europeo e internacional; a organización de eventos relacionados coa mobilidade sostible e o intercambio de experiencias neste ámbito así como información de novas tecnoloxías ou de presentación de estratexias; información e no seu caso realización de proxectos europeos enfocados a mellorar a mobilidade sostible urbana; axuda para a preparación e realización de proxectos europeos para conseguir os fins da asociación; realización de proxectos e traballos relacionados principalmente coa mobilidade sostible; e a promoción de acordos que mostra a política da Rede.











