O Concello da Coruña acepta a doazón de IKEA do material para redecorar a sala de xogos da Casa de Acollida para Mulleres

Sinatura do convenio
O Concello da Coruña informa do acordo con IKEA polo que se acepta a doazón, por parte da empresa, do material necesario para a redecoración da sala de xogos da Casa de Acollida para Mulleres. Esta mañá, o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, e o director de IKEA A Coruña, Enrique Pareja, destacaron que o obxectivo é mellorar as condicións de vida das mulleres e nenos que tiveron que abandonar os seus fogares por causas relacionadas coa violencia de xénero e que residen nestas instalacións.
O proxecto considera tanto a subministración de mobiliario necesario para levar a cabo a redecoración como a súa colocación e instalación. Neste sentido, varios empregados encargaranse, de forma desinteresada, tanto do deseño coma da instalación de elementos. En concreto, Ikea doará dende 20 metros cadrados de chan a estantes, un sofá, varias mesas e elementos de decoración como cortinas ou lámpadas. IKEA tamén doará varios elementos para acondicionar a despensa da cociña e o comedor. Trátase de lograr un ambiente funcional, cómodo e acolledor. Con esta acción continúa a relación entre o Concello da Coruña e IKEA, empresa, que o pasado ano xa realizou unha doazón para acondicionar o salón multiúsos da casa.
Dende a Concellaría de Servizos Sociais destacan que se pretende adaptar as instalacións ás necesidades da Casa do Acollida para o axeitado desempeño do seu labor, posibilitando, fundamentalmente, o cumprimento das funcións relacionadas co apoio educativo e co esparexemento dos menores.
A Casa de Acollida para Mulleres é un equipamento destinado a proporcionar acollemento, de forma temporal e con carácter de urxencia, ás mulleres e aos seus fillos e fillas, vítimas dun conflito convivencial grave, derivado da existencia de violencia de xénero, así como mulleres en situación de vulnerabilidade por razón de xénero.











