O Concello comezará a arranxar os muros derrubados durante o inverno na parroquia de Santa María de Tebra
A Concellaría de Obras vai arranxar en breve os muros de contención derrubados na parroquia de Santa María de Tebra, durante o pasado inverno por mor das chuvias e temporais sufridos.
O Concello redactou os proxectos e está á espera dos permisos necesarios para comezar as obras o antes posible, xa que en moitos casos os derrubes producíronse coma resultado das intensas chuvias sufridas durante o inverno.
O concelleiro de Medio Rural, Lois Vázquez, salientou que no orzamento se contempla unha partida de 40.000 euros para afrontar estes gastos, e indicou que dende o primeiro momento, se estivo en contacto cos veciños máis directamente afectados, comezándose o procedemento de redacción de proxectos e solicitando os permisos e autorizacións pertinentes. Por conseguinte, “os veciños e veciñas tiveron información de primeira man en todo momento, xa que a visita ás obras foi inmediata”, segundo asegurou o concelleiro.
Ao longo dun par de semanas, o edil calcula que as obras estarán rematadas.