O Concello aproba un novo investimento de 3,6 millóns en plans para a dinamización económica e social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello ratificou esta mañá o seu compromiso por mellorar a calidade de vida dos coruñeses. A Xunta de Goberno aprobou un modificativo de crédito de 10,2 millóns de euros, un acordo que se levará ao pleno do próximo 6 de xuño. En concreto, increméntase o investimento en proxectos estratéxicos para a cidade: 1,33 millóns para a promoción da Coruña a través de Alvedro; 1,05 millóns para programas de rehabilitación e modernización de espazos públicos; 900.000 euros para a dinamización e participación cidadá a través de actividades socioculturais; e 349.000 euros para convenios con entidades deportivas e sociais e plans de atención aos máis necesitados. A maiores, o Executivo municipal fará fronte a novas herdanzas urbanísticas e indemnizacións por valor de 886.000 euros e procedentes da nefasta xestión de anteriores responsables de María Pita.

O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, explicou que a Xunta de Goberno celebrada esta mañá permitiu continuar a liña marcada nos dous últimos anos e que significa ratificar os presupostos de 2013 como os máis sociais da historia da Coruña, “pensados por e para os coruñeses”.

O modificativo de crédito supera os 10 millóns de euros, dos que 3,6 millóns se destinarán a proxectos estratéxicos sobre os que se asenta a xestión do actual equipo de goberno que encabeza Carlos Negreira. O modificativo consolida a nosa aposta decidida por blindar o gasto social, fomentar a accesibilidade, mellorar a calidade de vida diaria das persoas, promover e dinamizar a cidade, e por impulsar o deporte base, sobre todo entre os mozos. Ademais, este modificativo permítenos pagar o que debemos, aprendendo dos erros cometidos por outros no pasado e que nos obrigaron en 2012 a acollernos ao plan de pagamento a provedores para facer fronte a 7 millóns de euros en facturas pendentes”, destacou a concelleira.

SERVIZOS SOCIAIS E DEPORTE BASE

O Goberno municipal conseguiu con este modificativo de crédito dar un novo paso decisivo na súa aposta polos servizos sociais. Neste sentido, o tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública avanzou que se incrementa en 60.000 euros o investimento en Emerxencia Social -desta forma, con 720.000 euros, triplícase a contía de 2011- e en 92.000 euros a partida para a colaboración con 20 entidades sociais que traballan a diario coas persoas que máis o necesitan.

Nos presupostos municipais deste ano aumentouse nun 40% o compromiso con entidades sen ánimo de lucro con respecto ao presuposto de 2011. Agora, con este modificativo de crédito, ratifícase que son os presupostos máis sociais da historia da cidade xa que, só en convenios, se incrementa o investimento noutros 92.000 euros, ata rozar os 2 millóns de euros, un 47% máis que en 2011.

Neste modificativo tamén se volve apostar polo deporte base, con 197.000 euros para convenios de colaboración con entidades da cidade. Deste xeito, o presuposto municipal de 2013 para este capítulo increméntase un 38%, ata alcanzar os 711.000 euros, aos que habería que engadir 120.000 euros máis incluídos no apartado de transferencias.

REHABILITACIÓN

Rosa Galego destacou que o Concello realiza un esforzo importante en políticas de rehabilitación e recuperación e mellora da mobilidade en espazos públicos e vivendas. En concreto, o modificativo de crédito recolle 1,05 millóns de euros para implementar os programas que desenvolve a área que dirixe Martín Fernández Prado.

O Goberno local aumenta en 750.000 euros as subvencións á mellora da accesibilidade, o que garante contar co presuposto necesario para pagar todas as axudas á colocación de ascensores que se certifiquen ao longo deste ano. “Con este investimento, o Concello alcanza os 1,65 millóns de euros para a instalación de ascensores. En total, xa son máis de 4 millóns de euros en 2013” “para Áreas de Rehabilitación Integral, a primeira fase do Plan de Murallas e para o Plan de Ascensores,”. A maiores, o presuposto municipal incrementa en 300.000 euros o seu programa de rehabilitación de espazos públicos.

TURISMO E CULTURA

O Goberno local ratificou esta mañá o acordo asinado polo alcalde con Globalia para potenciar a presenza da Coruña a nivel nacional e internacional e posicionar a cidade grazas á conectividade que ofrece a compañía a través de Alvedro, con 1.000 destinos nacionais, europeos e intercontinentais.

En concreto, o modificativo de crédito recolle 1.335.000 euros, o que supón avanzar no cumprimento dos obxectivos fixados no primeiro plan estratéxico de Alvedro e, polo tanto, consolidar o papel da Coruña e a súa área metropolitana como a bisbarra máis puxante e con maior actividade económica de Galicia.

Dentro deste plan de dinamización social e económica da cidade, o tenente de alcalde tamén informou de que o modificativo dedica 900.000 euros a programas que o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) executará ao longo deste ano. O Concello sabe como facer que os coruñeses se sintan protagonistas das actividades culturais e sociais que se ofertan. Creo que o éxito da programación dos nosos museos e bibliotecas, de San Juan, de Nadal ou as propias Festas de María Pita, que o ano pasado alcanzaron os 1,7 millóns de persoas, son grandes exemplos de como posicionar A Coruña e convertela nun referente”, subliñou Galego.

INDEMNIZACIÓNS

O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública lamentou que o Concello ten que facer fronte, unha vez máis, ás indemnizacións e pagamentos do bipartito que quedaron pendentes de aboar por culpa da súa nefasta xestión dos recursos públicos. En concreto, Rosa Galego explicou que o modificativo permitirá aboar 886.872 euros en facturas pendentes que nunca se recolleron nos presupostos municipais:

– 381.109 euros para obras que se realizaron a maiores no mercado de Elviña, que non se presupostaron e que tras comprobar que estaban executadas, é necesario, aboar.

– 290.265 euros para sentenzas urbanísticas.

– 145.498 euros de indemnización a un taxista por non lle conceder unha licenza. A sentenza determina que é necesario indemnizar o afectado polos 14 anos (1993-2007) que pasaron dende que se asignaron as licenzas ata que os tribunais ordenaron ao Concello conceder a devandita licenza ao afectado.

– 70.000 euros de indemnización por erros na execución de obras públicas Nos rosales e que afectaron a un local comercial.

FINANCIAMENTO

Rosa Galego explicou que o modificativo se financia sobre todo a través dos máis de 5 millóns de euros de remanente de tesouraría, grazas á boa xestión dos recursos públicos e ao aforro no gasto superfluo. O resto de proxectos financiaranse con transferencias de crédito que serven para atender as novas necesidades e que non supoñen un incremento do gasto total do presuposto municipal para 2013.

No caso das baixas de crédito, o tenente de alcalde destacou que, entre as principais partidas, se encontran 400.000 euros en persoal -debido á xubilación de empregados públicos-, 300.000 euros do convenio da antiga prisión provincial -que se retiran do presuposto porque o acordo se encontra en fase de negociación e o Concello entende que non será necesario realizar este pagamento en 2013-, e o diñeiro aforrado en obras -rebaixas no importe final con respecto aos prezos de licitación-.

No modificativo de crédito tamén se inclúen rebaixas en proxectos para os que o Concello dispoñerá este ano de crédito abondo (obras en ámbitos naturais ou en pozos de bombeo e reformas de aseos); proxectos nos que conta con investimento procedente de 2012 (mercado de San Agustín); e actuacións que agora se están a definir e que a previsión é que a súa execución finalice en 2014 (reparación da estación de buses, rehabilitación da cuberta do estadio de Riazor, intervencións en vertedoiros ou melloras no tráfico rodado que se coordinarán co Plan de Mobilidade Urbana Sostible).

OUTROS ASUNTOS DA XUNTA

O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública e responsable da área de Personal tamén informou do visto e prace que a Xunta de Goberno deu á solicitude dunha subvención de 640.623 euros á Consellería de Traballo e Benestar para a contratación de 71 traballadores.

O Concello solicita esta axuda en virtude do programa de cooperación con entidades locais da Xunta para a contratación de traballadores desempregados que se dedicarán á realización de obras e servizos de interese xeral e social.

O Goberno local tamén aprobou solicitar á Consellería de Traballo a súa colaboración para cofinanciar a prestación dos servizos sociais na cidade, de acordo á convocatoria publicada a Xunta no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de marzo. En concreto, o Concello solicita unha subvención de 5,1 millóns de euros para os programas municipais de axuda a domicilio, para os que a área de Servizos Sociais destina un total de 10,9 millóns.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 293.450 euros que, unidos aos 2,15 millóns da licenza aprobada o pasado martes para a construción do primeiro edificio do Parque Ofimático, eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 233,25 millóns.

Entre os expedientes tramitados, destacan os permisos para mellorar a mobilidade dos veciños, como a autorización para instalar tres ascensores en inmobles das rúas Padre Rosendo Salvado, Santa Teresa e Conto, e para reformar dous portais en Vila de Negreira e a rúa Juan Castro Mosquera (neste segundo edificio, tamén se inclúe o cambio de ascensor).

30 de maio de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.