publicidade hoxe

O Concello apoiará un ano máis ás familias de escasos recursos económicos para afrontar os gastos en libros e comedor para o novo curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense prestará un ano máis apoio ás familias de escasos recursos económicos para afrontar os gastos do novo curso escolar 2013/2014. A proposta da Concellería de Benestar Social, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá as bases que rexirán a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e para os gastos en comedor escolar, dirixidas a familias do Concello de Ourense que teñan menores ao seu cargo escolarizados en centros públicos ou concertados para o próximo curso 2013/2014.

As axudas para libros e material escolar están dirixidas alumnos matriculados en Educación Infantil (3, 4 e 5 anos), e as de comedor a escolares tanto de Educación Infantil, como de Primaria ou Secundaria Obrigatoria, con praza de comedor escolar no centro.

As axudas en especie para libros e material escolar serán:

– 1º de Educación Infantil (3 anos). 90 euros por alumno

– 2º de Educacióm Infantil (4 anos): 110 euros por alumno

– 3º de Educación Infantil (5 anos): 125 euros por alumno

O pagamento das axudas realizarase mediante entrega de vales. Os beneficiarios deberán entregar a lista dos libros e material dos menores selada polo seu centro escolar na primeira quincena do mes de setembro, e o Concello entregaralles os vales para cambiar nas librarías.

As axudas para comedor escolar cubrirán a totalidade do custe da praza nos centros públicos e ascenderán a 45 euros ao mes nos centros concertados. O prezo da praza será comunicado ao Concello polo centro escolar. As axudas concederanse ás familias e pagaranse aos centros.

As solicitudes para ambas axudas deberanse presentar no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, durante un prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Os requisitos son:

– Estar empadroados no Concello de Ourense, con 3 meses mínimo de  antigüidade, todos os membros da unidade de convivencia.

– Estar matriculados en centros públicos ou concertados. No caso das axudas para libros, en Educación Infantil, e no das axudas de comedor, nos ciclos de Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria e ter praza de comedor escolar no centro.

– Non superar 3.500 euros de renda per capita anual. Computarase un membro máis en caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén no caso de ser familia monoparental.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as bases que rexirán a concesión das axudas, e a convocatoria das mesmas. Ambas serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia e abrirase entón o prazo de presentación de solicitudes.

Reclamacións polo PXOM

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou desestimar outras dúas reclamacións de propietarios de terreos que solicitaban indemnizacións, por un importe total de 186.000 euros polos danos e perdas que presuntamente se lle irrogaron como consecuencia da anulación, por sentenza do Tribunal Supremo, do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2003.

As reclamacións foron presentadas por R.P.G., que solicitaba unha indemnización de 100.000 euros polo cambio de clasificación dunha parcela da súa propiedade sita na rúa da Amizade, e por C.C.R, en representación da Xunta de Compensación da Área de Reparto 09-O (Fonte do Bispo), neste caso por importe de 86.000 euros.

A Xunta de Goberno desestima ambas reclamacións á vista dos ditames do Consello Consultivo de Galicia.

16 de maio de 2013 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.