publicidade hoxe

O Concello adxudica o servizo de telasistencia domiciliaria que presta atención a 230 maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense dá continuidade ao servizo de teleasistencia domiciliaria, que presta atención a máis de 230 persoas maiores na cidade. A Xunta de Goberno Local acordou na súa xuntanza desta mañá adxudicar a prestación deste servizo de benestar social á empresa CLECE, S.A., que presentou a oferta máis económica cumprindo coas prescripcións do prego, sendo este o único criterio da adxudicación. CLECE prestará o servizo por un importe de terminal/mes de 17,58 euros, IVE incluído, o que significa unha baixa de 18,23% respecto ao orzamento de licitación.

Con este acordo, o Concello dá continuidade a este servizo de atención ás persoas maiores, que ata o ano pasado prestaba a Deputación Provincial, a través dun convenio do IMSERSO e que dende este ano o Concello de Ourense deberá prestar en solitario na cidade, financiando na totalidade o seu custe, duns 60.000 euros anuais, que permite dar atención gratuíta a un total de 237 persoas maiores que residen na cidade.

Atención ininterrumpida a persoas maiores

A teleasistencia é un servizo gratuíto de atención telefónica ininterrumpida cun equipamento de comunicacións e informática específicos que ten como finalidade prestar atención a persoas maiores, e dar resposta inmediata en caso dunha urxencia. Consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas, situada no centro de Atención, e permite aos usuarios ante calquera situación de emerxencia, e con tan só premer un botón, comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta á situación comunicada.

O servizo pretende proporcionar unha resposta rápida que permita establecer unha comunicación entre o usuario e o centro de atención para actuar de xeito axeitado ante situacións de emerxencia, inseguridade, soidade e illamento durante as 24 horas do día, os 365 días do ano. Trátase un servizo de esencial importancia en Ourense, habida conta que o 27,25% da súa poboación (29.521 persoas) son maiores de 60 anos, porcentaxe que supera a media do territorio nacional.

Sinalización do contorno do complexo de Eiroás

Na mesma sesión, a proposta da Concellería de Policía Local e Tráfico, atendendo unha petición veciñal, a Xunta de Goberno Local aprobou catro medidas de mellora da sinalización e aparcamento no contorno do Complexo Deportivo das Eiroás.

O acordo ten a súa orixe na solicitude, presentada por escrito a través da Oficina de Atención ao Cidadán do Concello, por parte de veciños deste barrio ourensán, que solicitaban melloras ante a gran afluencia de público que  recibe o recentemente aberto complexo deportivo.

Á vista desta solicitude, e de acordo co informe elaborado pola Policía Local, a Xunta de Goberno aprobou a adopción de catro medidas:

– Instalación de sinal de limitación de velocidade a 20 km/h ao inicio da rúa do Pazo, nambos sentidos. A rúa do Pazo é a que comunica a Praza das Eiroás co complexo deportivo, polo que rexistra cada día un alto tránisto de peóns que se achegan ao complexo deportivo.

– Instalación de sinal de rúa sen saída ao inicio da Rúa do Pazo

– Retirada dos sinais de prohibición de estacionamento na Praza das Eiroás

– Sinalizar verticalmente sinais de permiso de estacionamento, en batería, na Praza das Eiroás

Desestimar reclamacións polo PXOM

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou desestimar ou arquivar cinco reclamacións de responsabilidade patrimonial, que solicitaban indemnizacións por danos e perdas que, supostamente, se lles irrogaron a consecuencia da anulación por sentenza xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense do ano 2003. As reclamacións demandadas (5, localizadas en 3 zonas diferentes da cidade, sumaban unha cantidade total de 900.392 euros).

Así, a Xunta Local desestima a petición solicitada por J.C.S., en nome e representación da mercantil Campos y Carbajales S.L. (Área de Reparto 31-O Vereda do Barbaña, 4), que pedía unha indemnización de 153.152,75 euros.

Tamén desestima a reclamación realizada por J.M.F., en nome e representación de Orprim, S.L. (solo urbanizable 04-C. Caracochas), por un importe de 638.000 euros.

A Xunta de Goberno tamén abordou o expediente de responsabilidade patrimonial 20122002877, con 3 reclamacións, por un importe total de 109.239,60 euros, relativas á Área de Reparto 31-E do Plan de Urbanismo de 2003.

Neste caso, desestímase a petición realizada, na parte que corresponde, por J.C.S. en nome e representación de Promociones Ribe, S.L., e se arquiva o expediente na parte correspondente a R.I.P. e á Xunta de Compensación da Área de Reparto, por falta de lexitimación activa.

9 de maio de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.