O Concello adxudica a xestión dun contrato de axuda a domicilio por importe de 1,5 millóns de euros ao ano
O Concello da Coruña adxudicou a xestión dunha parte do servizo público de axuda a domicilio por importe de 1,5 millóns de euros ao ano e que ten como principal obxectivo atender as necesidades diarias das persoas e impulsar así a súa integración social.
O Concello, unha vez estudadas as sete ofertas que se presentaron ao concurso licitado mediante procedemento aberto, adxudicou o contrato ao Instituto de Xestión Sanitaria. O gasto estimado é 1,5 millóns ao ano. O servizo adxudícase por dous anos a partir da data de formalización do contrato, prorrogable antes da súa finalización por dous máis.
Este programa evidencia que o obxectivo do Executivo municipal é garantir a atención das persoas que máis o necesitan; un servizo onde se traballa sobre todo con persoas maiores con déficits de autonomía e con minusvalidez. Así, a adxudicataria axudará os usuarios nas súas actividades básicas diarias, como vestirse, comprar e cociñar, ademais de fomentar a hixiene persoal e tarefas de apoio psicosocial, con accións terapéuticas, educativas, socioculturais e de acompañamento e socialización.
O servizo prestarase entre as 07.00 e as 22.00 horas, de luns a sábado, aínda que fóra dese horario tamén se atenderá aos usuarios se é necesario. O Goberno local encargarase de propoñer as altas no servizo, que a empresa terá que cubrir nun prazo máximo de 7 días hábiles -salvo nos casos urxentes, onde o inicio do servizo será dentro das 48 horas seguintes, e nos de extrema urxencia, nun prazo máximo dun día dende que Servizos Sociais curse a solicitude-.
O Concello avoga por ofrecer un servizo de calidade e, para garantir que se axusta ás características fixadas no prego de contratación, o xestor do servizo terá que facer un seguimento individualizado de cada usuario. A Coruña é un dos poucos concellos de Galicia onde a administración municipal xestiona directamente o diñeiro recadado nas achegas dos usuarios, en lugar de deixalo en mans da concesionaria, o que permite un maior control na xestión e na atención aos cidadáns. Ademais, o departamento de Servizos Sociais supervisará o cumprimento do contrato.
En 2013, o presuposto municipal reflicte o compromiso da área de Servizos Sociais de dar resposta ás demandas reais dos coruñeses. Neste sentido, as grandes partidas para a conciliación da vida familiar e laboral e para a axuda á dependencia, que alcanzan os 7,08 millóns de euros, subiron por segundo ano consecutivo: en 2013, o investimento increméntase nun 11,4% con respecto a 2012 e nun 25,3% fronte a 2011.











