O Concello acondicionará e pavimentará o acceso ao Muíño da Veiga desde Quintela
O acceso á zona termal do Muíño da Veiga desde Quintela será acondicionado e pavimentado polo Concello de Ourense. Así o decidiu a Xunta de Goberno Local, ao aprobar o expediente de contratación das obras de acondicionamento e pavimentación do acceso ao Muíño da Veiga, e a adxudicación da execución do proxecto á empresa TRAGSA. O Concello investirá un total de 49.967,98 euros nas obras, que actuarán sobre o camiño existente que enlaza a estrada N-120 dirección a Vigo, coa área termal, atravesando por debaixo a vía do ferrocarril e o desdobramento da estrada en dirección a Ourense.
O trazado actual do camiño procede da reordenación efectuada polo proxecto sectorial do enlace da autovía coa estrada nacional e co seu desdobramento, co obxecto de repoñer os servizos e servidumes existentes. Cunha antigüidade duns vinte anos, o camiño atópanse moi deteriorado polo uso.
A pavimentación e acondicionamento incluirá:
-850 m. de roza e poda da vexetación existente nas beiras do camiño.
-3.741 m2 de preparación do terreo con nivelación do mesmo e limpeza de cunetas existentes.
-1.420 m2 de pavimentación formada por unha base e triple rego asfáltico.
-440 m2 de adoquinado de granito rústico nacional.
-Execución de dous caños tranversais de 300 mm de diámetro, reforzados con formigón.
-48 m. l. de barreira de seguridade.
Plan Estratéxico Termal
As Pozas do Muíño da Veiga atópanse dentro do conxunto termal establecido no Plan Estratéxico Termal, aprobado polo Pleno do Concello de Ourense en 2007, que define tres ámbitos de actuación: a Área Termal das Burgas, a Área Termal do Campo da Feira e a Área de Reza. Entre estas dúas últimas atópase o Muíño da Veiga.