O Concello achega 16.000 euros ao proxecto de acollemento no verán de nenos saharauis
O alcalde, Abel Caballero, asinou na mañá deste xoves un convenio con María Isla Avón, presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, polo que o goberno local achega 16.000 euros para o programa de acollida temporal de nenos e nenas saharauis por familias viguesas.
O obxectivo do goberno de Vigo na sinatura deste acordo é colaborar no programa “Vacacións en Paz”, o proxecto de acollemento familiar temporal que permite o desprazamento de nenos e nenas saharauis desde os campamentos de refuxiados de Tindouf, en Arxelia, para ser acollidos por familias viguesas durante os meses de xullo e agosto.