publicidade hoxe

O Concello abre o prazo para que as familias con menos recursos poidan acceder a 11 novas vivendas municipais en réxime de aluguer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo de presentación de solicitudes para o acceso, en réxime de aluguer, a 11 vivendas de titularidade municipal e que se poñen a disposición das familias con menos recursos económicos a través desta convocatoria pública.

O Concello abre un prazo dun mes para que as persoas interesadas poidan optar a un destes pisos municipais que se encontran baleiros no Grupo Virxe do Carmen, en Labañou. O Goberno municipal, por proposta do Servizo de Vivenda e Rehabilitación, optou por unha convocatoria pública para ofrecer así maior transparencia e igualdade de oportunidades ás persoas interesadas.

Os criterios establecidos, como no concurso público do ano pasado, garanten que as vivendas serán ocupadas por familias que, doutro xeito, terían serias dificultades para acceder a un piso en aluguer:

. Acreditar ingresos anuais mínimos de 0,7 veces o IPREM e máximos ponderados de 2 veces o IPREM, unha ponderación que se efectuará en función dos membros da unidade familiar.

. Estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública.

. Non ter vivenda en propiedade.

. Estar empadroado no municipio da Coruña cunha antigüidade mínima de 5 anos.

A gran novidade desta convocatoria é que poderán acceder a estes pisos persoas que se encontran inmersas en procedementos de desafiuzamento. O departamento de Medio, Territorio e Infraestruturas pretende con este proxecto optimizar os recursos municipais e, ao mesmo tempo, poñelos a disposición das persoas que máis o necesitan. Así, as rendas polo aluguer axustaranse á situación das familias. Ademais, ratifica o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, de que os coruñeses con menos posibilidades económicas teñan a oportunidade de acceder ás vivendas de titularidade municipal que o actual equipo de goberno encontrou baleiras tras realizar un inventario exhaustivo por toda a cidade.

O prezo do arrendamento situarase entre os 100 e os 180 euros ao mes. Será o 3% da valoración da vivenda, máis o incremento correspondente ao IPC anual; se ben a porcentaxe pode baixar ata o 1,2% para as persoas con menos recursos. Á hora de adxudicar os pisos teranse en conta o número de persoas da familia e a superficie das vivendas.

24 de maio de 2013 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.