O Concello abre hoxe o prazo de inscrición nas actividades da Semana adicada aos Maiores, que se celebrará do 27 ao 31 de maio en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense abre hoxe, luns, día 20 de maio, o prazo de inscrición nas actividades da Semana adicada aos maiores, que requiren previa inscrición ou retirada de  invitacións (teatro, saída turístico cultural e comida).

Así, dende hoxe, luns, e ata o martes, día 28 de maio, de 9:00 a 13:00 horas, tódolos interesados poden achegarse á Concellería de Benestar Social, na rúa Bispo Carrascosa, número 14, e retirar as invitacións para asistir ao teatro: dúas representacións da obra “Fuenteovejuna”, que realizará a compañía da terceira idade Aturuxo, os días 27 e 28 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Tamén poden retirar as súas invitacións dende hoxe as persoas que desexen acudir á visita turístico cultural pola ruta A Mariña Lucense, que terá lugar o venres, 31, con saída ás 8:30 horas dende Tras Alameda.

Tamén dende hoxe poden facer a reserva para acudir á comida e posterior baile que terá lugar no restaurante de A Carballeira de Santa Cruz o día 30 de maio (abonarán o menú, de 18 euros, no restaurante o mesmo día da actividade).

A maiores destas actividades, a Semana dos Maiores que se desenvolverá do día 27 ao 31 de maio en Ourense engloba tamén outras que non requiren invitación nin inscrición previa, dirixidas ás persoas maiores de 60 anos que o desexen: Cachibol (tódolos días ás 11:30 horas, no Xardín do Posío, con asistencia libre), Tai Chi (tódolos días, ás 10:00 horas, o luns na Praza Maior e o resto dos días no Xardín do Posío), e un recital de corais, o mércores, 29, coas corais Gaudeamus e Cantereiras de Agarimo, ás 20:30 horas, no Paraninfo do IES Otero Pedrayo.

Todas son gratuítas, agás a comida de confraternidade.

20 de maio de 2013 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.