O concelleiro de Obras de Ames visita o lugar de Lapido, onde se levou a cabo a segunda fase das obras de pavimentación
O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo do Concello de Ames, Alfredo Taboada, visitou esta mañá o lugar de Lapido, na parroquia de Ortoño, onde se levou a cabo a segunda fase das obras de pavimentación interior. Nestes traballos, realizados pola empresa Obras y Viales de Galicia, investíronse un total de 76.210 euros. Deste xeito, rematouse unha obra que se deixou sen concluír na lexislatura anterior por problemas de financiamento. Trátase duns traballos moi demandados polos veciños e veciñas da zona.
Ante as numerosas peticións veciñais, o Concello de Ames decidiu levar a cabo a ampliación do camiño no interior do núcleo de Lapido, de xeito que se unificou cun ancho de 8 metros. Esta actuación levou asociado o incremento de reposición de peches de formigón nos terreos cedidos polos propietarios e o incremento da superficie a pavimentar con formigón ata os 8 metros de ancho. Tamén se realizou a canalización dos servizos de iluminación e telefónicos, coas correspondentes arquetas. Finalmente, levouse a cabo o traslado de postes e contadores.
O concelleiro de Obras, Vías e Urbanismo, Alfredo Taboada, destacou que “o actual Executivo cumpre o compromiso de levar a cabo a finalización destas obras, tal e como se comprometeu cos veciños e veciñas”. Alfredo Taboada fixo fincapé en que “se trata dunha obra de interese público, xa que a pavimentación desta vía facilita considerablemente o tránsito dos seus usuarios”.
Estas obras están incluídas nun convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permitiu a posta en marcha de diferentes traballos que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.











