publicidade hoxe

O colexio Pedro Caselles de Tomiño crea un banco de imaxes da parroquia de Santa María

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+

O colexio Pedro Caselles Beltrán, leva a cabo neste curso o proxecto “12 meses, 12 paisaxes” co que pretende que o alumnado mellore os seus coñecementos da paisaxe e da parroquia de Tomiño en xeral.

No proxecto está implicada toda a comunidade educativa do centro. Os escolares poden traballar de forma individual ou por equipos; as familias tamén se implican aportando información, así coma o profesorado, que organiza o traballo dos participantes.

Ante a gran cantidade de fotos antigas que se recibiron ata o momento, e que retratan sobre todo a grupos de persoas, a directiva decidiu incluír tamén esta nova sección.

Identificar e describir distintas paisaxes, árbores senlleiras, froitos autóctonos; concienciarse do valor de cada individuo á hora de conservar o entorno; recoñecer os cambios que producen o tempo ou a man humana na paisaxe; valorar o traballo en grupo, e manexar novas tecnoloxías (móbiles, cámaras, tablets, portátiles) para a realización dos traballos e rexistro de datos, son algúns dos obxectivos deste singular proxecto educativo.

A primeira fase de traballo estivo dedicada á investigación e recompilación de fotos.

A cada familia fíxoselle chegar unha carta explicativa para que colaborara cos seus fillos e fillas na realización dos traballos, co fin de recuperar lendas ou historias significativas relativas a algunha paisaxe ou árbore.

Os traballos entregados foron organizados e colgados no blog http://paisaxesdetomino.blogspot.com.es/. Tamén se montou un video-documental coas fotos, vídeos, textos e gravacións entregadas, que se proxectará na semana das Letras Galegas.

Na ultima semana de maio ou primeira de xuño terá lugar a actividade de “Turonia”, unha saída na que este ano se procurará levar á practica os coñecementos adquiridos.

A avaliación do proxecto 12 meses 12 paisaxes realizarase a través dunha enquisa a tres niveis: profesorado, alumnado e familias.

9 de maio de 2013 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.