O Club Limosa Surf ofrece unha nova edición do Curso de oceanografía
A Casa da Cultura de San Ciprián acollerá o Curso de Oceanografía aplicada ao surf nivel 2. Trátase dunha actividade que lle dá continuidade ao curso iniciado hai unhas semanas organizado polo Club Limosa Surf e impartido polo surfista Tony Butt.
Esta segunda xornada, de nivel avanzado, xurdiu de forma espontánea o mesmo día do curso de iniciación despois de comprobar a aceptación e a motivación dos asistentes, así como as súas ganas de ampliar coñecementos e seguir aprendendo da man do surfista inglés Tony Butt, descubridor de grandes ondas da costa galega, licenciado en Ciencias do Mar e doutor en Física Oceánica pola Universidade británica de Plymouth, escritor do libro “Surf Science” e colaborador de revistas e outras publicacións.
Deste xeito, o próximo sábado as persoas asistentes ao curso poderán afondar nos coñecementos adquiridos na anterior edición no que será unha xornada máis técnica e especializada. Neste caso moitos dos alumnos serán participantes da anterior edición aínda que está aberto ao público en xeral, sempre que estea interesado en saber máis sobre o mar, a xeración das ondas e a súa dinámica, e outros moitos contidos relacionados coa práctica do surf.
As persoas interesadas en apuntarse deben saber que hai prazas limitadas e a inscrición realizarase chamando ao 687 28 64 19 ou a través do correo electrónico limosasurf@gmail.com . Unha actividade na que colabora o Concello de Cervo así como Fundación Alcoa e o pub Nordeste. O edil de Deportes, Luis Guillén, asegura que “este segundo nivel do Curso de Oceanografía demostra que a iniciativa está sendo un éxito”. O edil explica que o anterior curso de iniciación “fora dinámico e didáctico ao mesmo tempo, polo que as posibilidades de repetir eran moitas”. Ademais, Guillén destaca a utilidade desta acción para os practicantes de surf, xa que “lles axuda a coñecer mellor o medio no que se desenvolve o seu deporte ou a interpretar as predicións meteorolóxicas relacionadas co mar e coas ondas”.