O Circo do Sol ofrecerá 7 funcións do espectáculo “Quidam” no Coliseo da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación do evento

Presentación do evento

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada por Javier Rodríguez, director do Coliseo, e Raquel Seijo, da promotora Sweet Nocturna, presentou esta mañá o espectáculo Quidam, que o Circo del Sol traerá a cidade no mes de decembro. Ofrecerá un total de 7 funcións que se representarán entre os días 25 e 29 de decembro no Coliseo da Coruña: “A Concellaría de Cultura cumpre así un obxectivo longamente perseguido dende a inauguración do recinto nos anos 90”, asegurou e engadiu: “Os coruñeses e coruñesas poderán sumarse a eses máis de 100 millóns de espectadores que xa gozaron da compañía de entretemento máis importante do mundo e, ademais, facelo na súa cidade”.

Tal e como explicou a concelleira, a celebración deste espectáculo supón “todo un reto” para o Coliseo que terá que adaptarse ás esixencias escénicas e técnicas da compañía, “enfrontándose a unha montaxe que esixe axustes técnicos importantes para asegurar a perfecta visibilidade dos espectadores”.

“Co fin de garantir o axeitado desenvolvemento e visibilidade do evento, o Coliseo contará cun aforamento dunhas 5.000 persoas”, informou a concelleira, quen comentou que o espectáculo que trae á Coruña o Circo del Sol é Quidam, estreado en 1996: “Un elenco de 52 acróbatas, músicos, cantantes e personaxes que, a diferenza doutras montaxes da compañía, nos levan ao noso propio mundo, habitado por xente real que, buscando encher o baleiro da súa existencia, se introduce nun mundo máxico e imaxinario,” explicou e engadiu: “Os espectadores poderán gozar de diferentes acrobacias e números de contorsión aérea, roda alemá, swing nas nubes, balanceo a mans, diábolos, malabarismo ou aros aéreos, entre outros”. Ana Fernández tamén destacou a posta en escena, como un enorme arco ou un chan con 200.000 perforacións que permite crear fulgores de luz. Todo acompañado por un vestiario composto por 250 disfraces e a música en vivo de seis músicos.

O prezo das entradas vai dos 33 aos 69 euros no caso dos adultos e de 27 a 56, aproximadamente, no caso dos nenos. Sairán á venda o próximo mércores, 29 de maio ás 10.00 horas e poderanse adquirir a través de Servinova, Ticketmaster e El Corte Inglés.

Ana Fernández animou aos cidadáns a gozar do espectáculo: “Unha oportunidade única na cidade para vivir a maxia, beleza e calidade do Circo del Sol”, concluíu.

24 de maio de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.