publicidade hoxe

O CIM reforza o seu programa “Muller e saúde” cunha charla sobre embarazo e lactación materna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

En vista do interese espertado, o CIM de Ortigueira decidiu ampliar o seu programa “Muller e saúde”, que se retoma a próxima semana cun taller sobre primeiros auxilios. A nova oferta será unha charla informativa sobre lactación e embarazo para a que a Concellaría de Benestar Social abre o próximo luns o prazo de inscrición.

A charla coloquio ten como obxectivos fundamentais propiciar un achegamento ás profesionais relacionadas cos embarazos que atenden ás veciñas de Ortigueira, Cariño e Mañón, ademais de ofrecer información sobre a lactación materna.

Na sesión, que se desenvolverá no Antigo Hospital de San Roque (hoxe Centro de Participación Social de Ortigueira) o próximo 11 de xuño, a partir das 17 horas, participarán Natalia Freire e Dores García, matrona e enfermeira de pediatría nos centros de saúde de Ortigueira, Cariño e Mañón; ademais da asesora en lactación materna, Begoña Barcón.

Entre os temas a abordar figuran as funcións da matrona e os programas asistenciais existentes na zona, beneficios da lactación materna, verdades e mitos sobre este tema, posicións de aleitamento…

Con esta proposta, o CIM completará o seu ciclo “Muller e Emprego” que arranca o próximo 21 de maio cun taller sobre primeiros auxilios e continúa o 31 deste mes con outro centrado en menopausa e problemas de saúde específicos da muller. O interese espertado por ambas as dúas propostas, realizadas en colaboración coa Escola Escola Galega de Saúde para Cidadáns del Sergas, foi tal que unha vintena de persoas quedaron en lista de espera.

As veciñas de Ortigueira, Cariño ou Mañón- municipios nos que o CIM ortegano presta servizos- que queiran participar na charla sobre embarazo e lactación deberán anotarse previamente, dirixíndose ao centro social de Ortigueira, ou ben través do teléfono 981400000.

AXENDA:

Sábado 18 de maio, a partir das 20:00 horas. Concerto no centro social de Ás Neves dos alumnos de vento madeira da Escola municipal de Música, incluído no programa “Música para a vida”.

Sábado 18 de maio, a partir das 20:30 horas. Concerto da cantante cubana Jamila Purofilin no Teatro de Beneficencia, enmarcado en xira “Bolerista en viaxe”. Entrada: 5 euros.

Domingo 19 de maio, a partir das 20:30 horas. Espectáculo músico poético “Rosas para Galicia” con Julia Dopico, no que se repasarán coñecidos temas da música galega de autor e tamén de música popular. Entrada libre.

16 de maio de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.