O ciclo “As noites en Capela” leva ao Torrente Ballester da Coruña a mistura rítmica de “Los Mighty Calacas”
A nova tempada de concertos do ciclo “As Noites en Capela”, organizado pola Concellería de Cultura que dirixe Manuel Reyes García Hurtado, continúa mañá xoves, día 9; coa actuación do grupo Los Mighty Calacas, que inundará a Capela do Torrente Ballester cos seus ritmos latin-blues. O concerto dará comezo ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado axenda cultural).
Estes catro músicos espectaculares converxen na mistura de ritmos eclécticos: cumbias e pinceladas latinas mexicanas do máis bailable; ondas de surf, jazz, hip-hop ou soul en algúns dos seus temas, sen esquecer a súa sólida base de blues e funk na que son unha referencia a nivel mundial. En 2012, esta formación editou o seu primeiro disco no que participa o fabuloso harmónico Charlie Musselwhite e realizaron varias xiras de promoción en países como Alemaña, Polonia, España, Francia, República Checa, Italia e México.
O concerto que este xoves ofrecerá Los Mighty Calacas é o segundo desta nova tempada de “As Noites en Capela” -o primeiro celebrouse o pasado día 2 a cargo de Güintervan-. A programación completarase neste mes de maio con tres novas actuacións, que levarán a cabo Os Cempés –día 16-, Xavier Lorenzo Grupo –día 23- e a banda Crebinsky -día 30-.











