O centro municipal de emprego comeza dous cursos preparatorios para as probas de competencias clave de nivel 2
A concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, informa do comezo de dous cursos de preparación ás probas de avaliación en competencias clave de nivel 2 convocadas pola Xunta de Galicia para o 22 de xuño.
O Centro de Emprego acollerá a un total de 47 persoas para a realización destes cursos preparatorios que se desenvolverán dende hoxe ata o 21 de xuño, un en horario de mañá e outro de tarde. Martina Aneiros lembrou que “posuír estas competencias posibilita ás persoas que non teñen a titulación necesaria o acceso aos cursos de formación ocupacional (AFD) con certificado de profesionalidade, fundamentalmente dirixido a aquelas persoas que non acadaron o graduado en ESO”.
As persoas seleccionadas para estes cursos prepararanse nas competencias comúns de matemáticas, lingua castelá e lingua galega e nas específicas de inglés, dixital, tecnoloxía e ciencia, segundo a súa solicitude.











