O Centro Leste, listo para ser recibido polos veciños este venres
O Concello de Pontevedra inaugura este vernes, 31 de maio, ás 19.00 horas, o novo centro social da zona leste “Centro Leste” que foi visitado esta mañá polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro delegado da zona urbana, Luís Bará, acompañado dos técnicos municipais autores do proxecto e directores de obra, así como da empresa constructora e os representantes dos veciños que dende o venres farán uso destas instalacións.
Trátase dun baixo de 450 metros cadrados situado na praza da Zanfona, que dispón de salas multiusos, sala de estar, cociña para cursos,
biblioteca, espazos infantís, salón social e outro tipo de dependencias como recepción, aseos, despacho ou almacéns. O investimento da obra é de 388.000 euros.
O acto de entrega destas instalacións aos veciños comezará ás 17.30 horas cunha festa infantil a cargo da empresa Rivel, e sobre ás 19.00 horas o acto oficial de inauguración das instalacións a cargo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao igual que noutras casas de cultura ou locais sociais, estas instalacións serán de uso veciñal e eles serán os encargados da súa xestión e
de darlles contido, pero o Concello manterá a titularidade do Local social, reservándose a posibilidade de organizar nel actos vinculados co Concello de Pontevedra.
O Centro Leste está enmarcado dentro da política municipal encamiñada a dotar a todos os barrios e parroquias do concello dun espazo
social de reunión, encontro e asociacionismo dos veciños. No caso do centro urbano, está pendente o acondicionamento do Local Social do Burgo, situado no Campo de Pasarón, e nas parroquias estase traballando no Local Social de Sabarís, en Campañó, e neste ano poderase licitar e iniciar a construcción de Salcedo.