publicidade hoxe

O Centro Gallego de Rosario homenaxeou a Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O pasado domingo, 19 de maio, o Centro Gallego de Rosario organizou unha homenaxe a Rosalía de Castro no Parque da Independencia da cidade rosarina. Celebrado diante do busto que lembra á insigne poetisa galega -conmemorando así o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares Gallegos– o acto comezou ás 11,00 h. da mañá e contou coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Graciela González Rodríguez, a encargada de Cultura desta senlleira entidade galega case xa centenaria, fixo a presentación da homenaxe e, deseguido, procedeuse á colocación da ofrenda floral a cargo do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do presidente do Centro Gallego, Guillermo Picallo Durán quen, logo dun emotivo minuto de silencio, pronunciou unhas palabras alusivas ao acto de lembranza. Tamén interviron Alberto González Iglesias, quen recitou un poema de Rosalía, o secretario xeral da Emigración e, para rematar, as e os asistentes puideron gozar da actuación do Conxunto de Folclore Galego do centro.

Unha vez finalizada a homenaxe, as persoas participantes dirixíronse á sede social da rúa Bos Aires 1137, onde se descubriu unha placa alusiva á reinauguración da Biblioteca Rosalía de Castro, percorréronse as súas instalacións, agasallouse ás autoridades asistentes cunhas empanadas tradicionais arxentinas e realizouse un brinde pola galeguidade.

Para culminar o encontro, as autoridades do centro dirixíronse ás instalacións do Recreo Social, situado na zona norte da cidade, onde se realizou un percorrido polas mesmas, previo á partida dos representantes da Administración galega cara á cidade de Santa Fe.

21 de maio de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.