publicidade hoxe

O Centro do Viño súmase á conmemoración do Día das Letras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

10052013-8O venres 17 de maio, con motivo das Letras Galegas, celebrarase no Centro do Viño de Monforte un acto conmemorativo que leva por nome “Letras e Viño”. Este evento trata de fortalecer os lazos existentes entre o mundo da cultura e o do viño, o cal abrangue unha cultura por sí mesmo.

O acto terá lugar no Patio do Centro do Viño, organizador do evento en colaboración co Concello. Oito adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecerán os seus produtos para que os asistentes poidan catalos e mercalos. A degustación estará acompañada pola lectura de diversos textos literarios e pola actuación de músicos do Conservatorio Municipal Mestre Ibañez.

Esta cita entre letras e viño inaugurarase ás 12:00 h. coa lectura de distintas pasaxes literarias a cargo de autoridades locais e de diferentes personaxes da vida pública monfortina.

Xa pola tarde, a Aula Municipal de Teatro realizará unha serie de lecturas dramatizadas dos textos de Roberto Vidal Bolaño, autor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A xornada desenvolverase entre as 11 e as 14:00 h. e entre as 18 ás 21:00 h. O programa deseñado para o evento é o seguinte: 

Pola mañá

-11:00h- Apertura dos stands.

-12:00h- Inauguración oficial do acto e lectura de poemas.

-12:30h- Actuación musical a cargo do Conservatorio Municipal.

-14:00h- Peche dos stands.

Pola tarde

-18:00h- Apertura dos stands.

-19:00h- Lecturas dramatizadas de Textos de Roberto Vidal Bolaño a cargo da Aula de Teatro Municipal.  

-21:00h- Clausura do evento.

10 de maio de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.