publicidade hoxe

O Centro Cultural de Sigüeiro acollerá a representación da obra “Pequena”, de Talía Teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O auditorio do centro cultural de Sigüeiro acollerá mañá mércores 15 de maio a representación a obra “Pequena”, a cargo de Talía Teatro. Unha actuación dirixida a un público familiar, especialmente a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos de idade, e que dará comezo ás 18:00 horas. A entrada é totalmente libre e de balde.

“Pequena” é unha comedia en galego, duns 60 minutos de duración, escrita por Paula Carballeira e interpretada por Marta Ríos. Nela, Talía Teatro explica dun xeito divertido e con moita música que sendo pequeno se poden facer grandes cousas, tan grandes que incluso poden cambiar o mundo ao seu xeito. Como aseguran dende Talía Teatro: “un espectáculo para descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo”.

Letras Galegas

O Concello de Oroso incluíu esta actuación dentro do seu programa especial co gallo da celebración do Día das Letras Galegas xa que permite fomentar a ruptura de prexuízos en relación co tamaño ou coas calidades físicas das persoas, así como a tolerancia e a comprensión de hábitos e costumes diferentes relacionados coa variedade e diversidade cultural.

Un programa especial que se iniciou onte luns co obradoiro “Títeres nas mans”, con Larraitz Urruzola, da compañía “Títeres Babaluva”. Durante algo máis dunha hora, os nenos e nenas de Oroso deron vida coas súas voces e movementos a uns títeres que pintaron nas súas propias mans, xogando a contar pequenas historias inventadas polos propios cativos.

Este programa especial do Día das Letras Galegas pecharase o vindeiro sábado 18 de maio cunha nova sesión de contacontos a cargo de Xandobela. A cita é ás 11:00 horas na aula infantil da biblioteca municipal de Sigüeiro. A entrada é libre e de balde, se ben é preciso anotarse previamente na propia biblioteca.

14 de maio de 2013 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.