O CEIP da Ramallosa celebra as Letras Galegas no Xirimbao cunha xornada de de xogos tradicionais

Escolares competindo nunha carreira de sacos
Os nenos e nenas do CEIP da Ramallosa xogaron esta mañá á corda, ó tres en raia, á mariola, ó pano, ás chapas, á chave, a pescar a botella, a arrastrar a tartaruga, á petanca, ás carreira de sacos, ós aros, á rá, ó tirapedras… Todos eles xogos pouco habituais nas súas xornadas de lecer xa que todos eles son xogos tradicionais. Pero esta mañá foi especial xa que o profesorado e o alumnado da Ramallosa estiveron no Xirimbao para conmemorar o día das letras galegas e pasaron unha divertida xornada de xogos populares. Esta actividade rematou cunha comida neste espazo natural do Concello ó carón do Ulla, momento no que participaron tamén algúns pais e nais.
A xornada de xogos tradicionais é unha actividade realizada polo centro en colaboración coa concellaría de Educación dentro do programa de actividades extraescolares. Hoxe tocoulle aos nenos e nenas da Ramallosa pero a semana pasada xa se realizou nos Tilos e está previsto que se faga en Calo o próximo martes. Dende a Concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, destácase que con esta xornada “quérese facer un achegamento ó patrimonio lúdico galego”. Os xogos estiveron explicados e coordinados polos monitores da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional que contaron co apoio entusiasta do profesorado.
Entre os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa está o descubrimento dos xogos tradicionais como unha actividade divertida e válida para os nosos nenos/as, participar na recompilación de prácticas lúdicas tradicionais desta zona e participar de xeito activo nunha ampla batería de xogos de diferente tipoloxía.
No terceiro trimestre o programa de actividades propostas dende o Concello para os colexios contempla tamén un programa de visitas a lugares do Concello que destaquen pola súa riqueza no patrimonio natural, artístico ou histórico. Outra das accións que se porán en marcha son unhas xornadas de seguridade viaria de cara a desenvolver valores e comportamentos seguros e responsables na vía pública. Realizarase nos tres centros de infantil e primaria e contará coa colaboración do servizo de Protección Civil de Teo.











