O CEIP A Gándara achega “Animaliños” ó Certame de Teatro
Continúan durante esta semana as representacións do XXII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino, organizado pola concellería de Educación e Cultura. Mañá xoves día 9 de maio, rapaces e rapazas do Obradoiro de Teatro do CEIP A Gándara porán en escena “Animaliños”, de Roberto Vidal Bolaño.
En “Animaliños”, os alumnos e alumnas do Obradoiro de Teatro do CEIP A Gándara, baixo a dirección de Eva F. Ferreira, recrearán unha praga de caracois nunha urbanización de chalés. Esta praga desencadea unha neurose colectiva, facendo saír á luz o peor de cada casa.
Obsesionadas coa preservación da súa pequena parcela de felicidade, as persoas que alí residen pasarán por riba de todo aquilo que represente unha ameaza para elas, incluída a propia veciñanza.
“Animaliños” (Premio María Casares 2003) é a terceira parte dunha triloxía sobre a sociedade actual, dominada pola aparencia e o individualismo. Con grandes doses de retranca e humor, Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013, debuxa un retrato certeiro sobre a vida nun espazo domesticado e hostil.
O colexio Ferroviario e o CEE Infanta Elena xa representaron as súas obras neste certame. Hoxe mércores día 8 de maio será a quenda do alumnado do CEIP Monforte, baixo a dirección de Paqui Abeledo, que representarán a obra “Os misterios dos reloxos de Néboa”.
As representacións levaranse a cabo no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 20:00 h.











