O Carballiño dá a benvida aos condutores con polbo e carballo
Os alumnos do módulo de xardinaría do Obradoiro de Empleo que dirixe a edil Teresa Cerdeira, están a finalizar xa os traballos de ornamentación da rotonda de entrada ao Carballiño dende a estrada de Pontevedra, no cruzamento coñecido da Casa Azul.
Durante varias semanas estes alumnos estiveron a realizar os traballos para embelecer esta entrada, ofrecendo aos condutores unha visión dos elementos distintivos desta vila. Un polbo e un carballo. Tal e como apuntaba o alcalde do Carballiño “unha vila que ten como referente o turismo debe ofrecer ao visitante unha boa imaxe dende o mesmo momento que entra nela, e iso é o que quixemos plasmar nesta rotonda”.
Entre as curiosidades da ornamentación deste espazo está as plantas usadas para crear o polbo. Unhas plantas especiais que co sol adquiren un ton similar ao deste cefalópodo unha vez cocido, algo que sen dúbida é atractivo á vista e un novo reclamo do prato típico do Carballiño. O centro desta rotonda está coroado cun carballo, como árbore emblema carballiñés e, por extensión, de toda Galicia.
Tamén se instalou nesta rotonda o sistema de rego propio, co que se conseguirá un mellor mantemento deste espazo verde, e máis económico.
Os alumnos do Obradoiro de Empleo Carballiño Recupera están a finalizar todos os traballos fixados para esta acción formativa, como a pérgola da praza do Emigrante, ou o invernadoiro do Peón Camiñeiro.











