O Carballiño contará cunha nova Galiña Azul na zona do colexio do Campo da Feira
O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, confirmaba hoxe que contaremos cunha segunda Galiña Azul, para dar cobertura a todos os pais de nenos entre 0 e tres anos da nosa vila”. Este novo centro será construído no mesmo terreo que o colexio Campo da Feira, onde xa estiveron os técnicos do consorcio para aprobar a súa situación, elixida de entre varias opcións.
Este proxecto será levado á sesión plenaria da próxima semana para, unha vez aprobado, iniciar todo o proceso. O custo desta nova Galiña Azul será duns 410.000 euros, dos que o concello deberá achegar o 40% 164.000 e que para iso habilitará 15.000 euros para o 2013 quedando 149.000 para o 2014.
No presente curso a Galiña Azul contaba con 61 prazas, e cóntase cunha lista de espera ampla que garante a demanda na nova que se vai construír. Esta é unha das razóns polas que o concello instaba á Xunta de Galicia para contar cunha segunda escola infantil, o gran número de nenos que quedaron fóra por non dispoñer de prazas na actual Galiña Azul.
Así mesmo coa consecución dunha segunda Galiña Azul fíxase máis a poboación na vila, e ofrécese unha maior posibilidade aos pais e nais para poder conciliar a vida laboral e a vida familiar. Estes obxectivos tivéronse en conta, por parte do actual grupo de goberno, para solicitar este novo centro, que agora é unha realidade.











