O “Caracol Sol-Sol” visita en maio a biblioteca e as axencias de lectura no marco dunha nova campaña de animación á lectura
A Biblioteca Municipal pon en marcha no mes de maio unha nova edición da súa campaña de fomento da lectura “A hora do conto” dirixida a escolares do municipio de 1º curso de Primaria. O Caracol Sol Sol será o encargado de introducir aos cativos no mundo dos libros a través de xogos e das historias que lles relatará nas sesións de conta contos que se realizarán na Biblioteca Rosalía de Castro e nas Axencias de Lectura de Carril e Vilaxoán.
Coa campaña “A hora do conto” a dirección da Biblioteca pretende continuar elevando o índice lector entre a poboación de menor idade do municipio. A través desta iniciativa realízanse actividades adaptadas á idade dos escolares encamiñadas a incentivar a lectura e coas que tamén se lle facilita o seu primeiro contacto coa Biblioteca e as Axencias de Lectura das parroquias para que saiban como funcionan e que poden recorrer a elas cando o desexen, fomentando deste xeito o seu uso. Para iso, se lles explica o funcionamento da sala infantil, o horario, os requisitos para facerse socios, e se lles anima para que volvan a visitar a biblioteca, acompañados de seus pais.
Así, a través da “Hora do conto”, os escolares escoitarán as historias dos libros que lles contará o caracol Sol Sol e participarán con estea personaxe en diferentes xogos, obradoiros de globoflexia e debuxo, actividades musicais e bailes relacionados cos contos. Con estas actividades tamén se pretende potenciar a imaxinación, a creatividade e a cooperación entre os cativos.
A campaña comeza o luns, 6 de maio e rematará o 15 do mesmo mes. Nela participan máis de 300 nenos e nenas de 1º curso de primaria, dos colexios de ensino da localidade. Os días 6 e 7 de maio, as actividades celebraranse a partir das 11:00 horas na Biblioteca da Rúa Rey Daviña. O día 9, ás 10:30 na Axencia de Lectura de Carril, para regresar o día 10 á de Vilagarcía ás 10 da mañá. Na axencia de lectura de Vilaxoán “A hora do conto” celebrarase o día 13 a partir das 10 da mañá e as dúas últimas sesións da campaña terán lugar na Biblioteca de Vilagarcía o día 14 de maio ás 11 da mañá e o día 15 ás 10 horas.











